Declarando permite aos autónomos presentar os seus modelos de impostos

martes, 15 de setembro do 2015 Redacción

Os días pasados chegou á Rede a que sería, en palabras dos seus creadores, a primeira aplicación para facilitar aos autónomos a presentación dos seus modelos de impostos. Chámase Declarando e achégase de balde, coa arela de dar cumprido servizo a internautas autónomos sen coñecementos fiscais, fornecéndoos de información actualizada sobre todos os cambios fiscais e de deducións que os atinxan e permitíndolles presentar modelos de Facenda como o 303, o 115 ou o 130.
Segundo os responsábeis do seu desenvolvemento, estamos ante unha aplicación na nube que posibilita reducir ao máximo os tempos e esforzos que os traballadores por conta propia adican aos ditos trámites (céibase ao usuario de ter que liar cos formularios da web da Axencia Tributaria).
Á fronte da startup Declarando atópase Marta Zaragozá, contando para este cometido co apoio do laboratorio de ideas StarWars. Como dixemos, a aplicación informa de todos os cambios fiscais e deducións que afectan aos autónomos de forma actualizada (IVE, IRPF, retencións, etc.). O abano de vantaxes é amplo, de aí que ao longo das dúas semanas de vida da ferramenta xa se rexistraran nela máis de 200 traballadores por conta propia, aprendendo como encher os seus modelos de impostos trimestres. “Trátase”, sinala Marta, “dun volume de clientes que algunhas asesorías ou xestorías fiscais tradicionais tardan anos en acadar”. Ao seu xuízo, é certo que “hai moitas tarefas administrativas polas que pagan os clientes e que realmente poden facer eles mesmos”, porén, os formularios da Axencia Tributaria non son doados de encher e xórdenlles moitas dúbidas á hora de presentar os seus impostos.
Nesta primeira versión da aplicación, os autónomos poden presentar de balde o modelo 130, o modelo 303 e o modelo 115 a través duns formularios deseñados “con linguaxe simple e sen conceptos legais, moi afastados dos complicados formularios da web de Facenda”, explica Marta.

PUBLICIDADE