Deputación, Caixa Rural e CEL renovan o seu apoio á transferencia de tecnoloxía no Campus de Lugo

luns, 23 de novembro do 2015 Redacción

O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo recibiu novos azos para a súa andaina futura. Os apoios veñen da man da Deputación de Lugo, da Caixa Rural Galega, da propia Universidade de Santiago (da que forma parte o campus lugués) e da Fundación CEL. Todas estas entidades anovaron o convenio común para o financiamento do CITT, dotado con 60.000 euros. Así se fixo saber a semana pasada no acto de sinatura de renovación dos acordos. Na cita, o reitor Juan Viaño deu a coñecer que o centro xestionou durante o trienio 2012-2014 fondos por un importe total de 15 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de investigación, actividades formativas e outras actuacións. O reitor tamén salientou que o balance de captación de fondos por parte durante o último trienio depara un medre do 9% na captación de recursos de I+D+i respecto do trienio 2011-2013.
“Estes resultados constitúen un indicador claramente positivo”, dixo o reitor da USC antes de proceder á sinatura da renovación do convenio, un acto no que tamén participaron o presidente en funcións de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; a deputada provincial María Loureiro e o secretario xeral da CEL, Jaime López.
Segundo lembrou Viaño, “o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC é un piar básico nos cometidos de I+D+i impulsados e desenvolvidos no Campus de Lugo, tal e como o corroboran as 216 actividades xestionadas por este órgano”, ao engadiu que os fondos captados e xestionados polo CITT tamén fixeron posíbel a contratación de 13 persoas con cargo a convocatorias de concorrencia competitiva e outras 130 persoas con cargo a outros proxectos e actividades de investigación.
Pola súa banda, o presidente en funcións de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, destacou o alto grao de satisfacción que supón para Caixa Rural Galega “poder contribuír ao desenvolvemento do I+D+i en Galicia a través deste convenio coa USC”, ao tempo que expresou a firme vontade da entidade que preside por dar continuidade no futuro a esta colaboración.
A deputada provincial delegada das áreas de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidades, María Loureiro García, salientou que “esta iniciativa, que conta cunha achega por parte da Deputación Provincial de Lugo de preto de 10.000 euros, complementa a moitas outras que impulsamos coa USC, como é, por exemplo, o Plan de Choque a prol do Campus”. Loureiro engadiu que ao abeiro das 13 medidas que contempla este Plan, hai iniciativas de pulo á investigación, á divulgación científica e á captación de talento, entre outros ámbitos. Loureiro reiterou asemade “a total colaboración e dispoñibilidade da Deputación neste tipo de proxectos, que serven para situar á nosa provincia no lugar que lle corresponde”.

PUBLICIDADE