Desenvolven discos de cristal capaces de almacenar eternamente até 360 TB de datos

martes, 16 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cada vez temos unha maior demanda de almacenamento de datos, resultando crucial traballar en conseguir soportes duradeiros, de pouco consumo e de grande densidade de información, e nesta liña científicos da Universidade de Southampton anuncian un importante avance: un sistema de almacenamento dixital de datos capaz de aguantar 1.000 millóns de años.
O sistema desenvolvido polos científicos do Centro de Investigación de Optoelectrónica (ORC) consiste nun cristal nanoestruturado no que len e escriben datos dixitais en 5 dimensións (5D) mediante escritura láser de femtosegundo, conseguindo unha capacidade por disco de 360 TB, coa grande vantaxe de que a temperatura ambiente podería ter unha vida practicamente ilimitada. Temos así unha tecnoloxía de almacenamento moi estable e segura, que podería resultar de grande interese para arquivos, museos e bibliotecas para preservar información e rexistros.
Esta tecnoloxía demostrouse experimentalmente en 2013, cando conseguiron gravar en 5D un texto de 300 Kbytes, pero os avances que se están a producir neste ámbito permitirán poder almacenar a historia da humanidade nun único disco.
De xeito informal este soporte recibe o nome de cristais de memoria de Superman, como analoxía dos cristais que aparecían nos filmes de Superman nos que se almacenaba a historia de Krypton, polo que podemos ver unha vez máis como fantasías da ciencia ficción rematan parecéndose moito a tecnoloxías actuais.

PUBLICIDADE