Destapan a fraude dun suposto fabricante estremeño de smartphones

luns, 17 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Imaxe publicada por ElEspañol na que podemos ver a dous dos fundadores de Zetta amosando os seus terminais

Durante a pasada fin de semana explotou un escándalo tecnolóxico na Rede a partires dunha extensa reportaxe publicada en ElEspañol o pasado sábado, xa que o diario dixital destacaba a unha empresa estremeña á que comparaba coa propia Apple que supostamente comercializa smartphones deseñados en Zafra (Badaxoz) e que entre os seus teléfonos teñen “un modelo semellante ao iPhone 7” que vende a 330 euros, afirmacións que claramente terían que ter disparado todas as alarmas na redacción de ElEspañol, o que si pasou entre os lectores, que dedicáronse a desmontar todo o artigo publicado, chegando a denunciar á compañía de fraude.
Os smartphones da marca Zetta resulta que non só non serían froito dun desenvolvemento estremeño, senón que a compañía levaría anos mentindo a medios de comunicación e a consumidores ofrecendo smartphones doutros fabricantes remarcados de xeito bastante rudimentario, simplemente tapando os logotipos orixinais con adhesivos coa marca Zetta e o logotipo dunha landra trabada (como clara referencia á mazá de Apple).
Dende Zetta chegaba a por nome e apelido (Antonio Ribera) ao deseñador dos seus terminais, cando os dispositivos actuais eran claramente smartphones de Xiaomi (aínda que o primeiro móbil da compañía era concretamente un Doogee DG580), e incluso as propias caixas nas que se entregan os móbiles son as orixinais de Xiaomi, con adhesivos colocados estratexicamente para que non se vexan descaradamente, e que nas carcasas dos dispositivos chega a verse o logotipo orixinal chinés co tempo de uso (xa que o logotipo que engaden na empresa estremeña non é precisamente resistente).
Pero o engano non se limitaría a facer pasar smartphones alleos por propios, senón que nas caixas dos teléfonos tamén mentirían gravemente ao incluír na caixa os logotipos de JBL e Corning Gorilla Glass, características que non teñen os seus teléfonos, polo que pode considerarse unha auténtica estafa.
O caso de Zetta era bastante coñecido dende hai meses nos foros dedicados a telefonía móbil, pero a súa actividade non transcendera até que ElEspañol os eloxiou, e unha vez desvelada a fraude xa temos a entidades como FACUA denunciando a Zetta ante as autoridades de consumo de Estremadura e Madrid.
Amais, ante o feito de que hai preto dun ano o presidente da Junta de Estremadura se xuntase cos responsables de Zetta, e xurdisen comentarios sobre o feito de que a polémica empresa puidese ter recibido subvencións autonómicas, o que levou á Consellería de Economía e Infraestruturas a lanzar un comunicado negando as axudas públicas a Zetta Europa e anunciando que realizarán unha inspección de oficio para garantir os dereitos dos consumidores, comprobando se os móbiles de Zetta contan coas prestacións publicitadas e se o seu etiquetado é correcto.
Queda por ver como rematará a historia, pero parece evidente que as marcas españolas con smartphones de seu terán que moderar a súa comunicación para deixar claro o seu proceder para evitar crises de comunicación e que lles colguen o sambenito de ser importadores de terminais chineses remarcados (o que non é precisamente o máis habitual).

Durante a fin de semana xurdiron na web imaxes que demostraban que Zetta remarcaba as caixas dos móbiles de Xiaomi e incluía selos de características coas que os teléfonos non contan

ACTUALIZACIÓN (18-10-2016): Tras o escándalo da fin de semana, e tras negarse a realizar declaracións aos medios de comunicación, dende Zetta publican un comunicado oficial no que aseguran que o seu primeiro smartphone, o Zetta Multiverso, contou con deseño da propia empresa coa apoio de cadeas de produción chinesas, mentres que o resto de modelos compartirían compoñentes electrónicos con algunhas empresas do sector asiático. Destacan que o valor que achega Zetta é a adaptación do software duns compoñentes e bases punteiras para que poidan empregarse en Europa con garantía. Tamén insisten en que teñen servizo postvenda en España, o que sería o seu principal valor engadido.
As distintas evidencias publicadas nos últimos días indicarían que o comunicado emitido volvería a incorrer en falsidades, xa que o smartphone Zetta Multiverso non é máis que unha versión remarcada do Doogee DG580 (que de ningún xeito foi deseñado pola compañía de Zafra) e a suposta adaptación do software dos móbiles consistiría na instalación dunha versión da ROM MIUI distribuída a través dun coñecido foro, que tampouco sería un desenvolvemento interno, e nalgún caso terían instalado nos seus terminais unha ROM de CyanogenMod para uso persoal (polo que a súa instalación en produtos á venda violaría a súa licenza de uso).

PUBLICIDADE