Destiny factura máis de 500 millóns de dólares no seu lanzamento
mércores, 10 de setembro do 2014
O xogo Destiny non só está a destacar
por ser posiblemente o videoxogo máis caro da historia (aínda que dende Bungie matizaron
que o
seu desenvolvemento está moi por debaixo dos 500 millóns de dólares dos que
falaban dende os departamentos de marketing
de Activision, que claramente suma a tal cantidade o investimento en promoción),
senón tamén pola súa boa resposta inicial, e dende a súa editora xa confirman o
éxito do lanzamento de onte, xa que rexistraron unhas vendas que superarían os
500 millóns de dólares en tendas e a través das plataformas de descargas no seu
primeiro día, converténdose no meirande lanzamento dunha nova franquía de
videoxogos da historia (lembremos que GTA V conseguiu facturar 800 millóns de dólares en 24
horas).
Para celebrar a saída de Destiny máis
de 11.000 establecementos de máis de 178 países abriron a medianoite para
permitir que os seareiros máis impacientes puidesen gozar do xogo dende as
primeiras horas para logo compartir o seu entusiasmo a través da Internet,
dando a impresión de que a forte aposta de Activision polo novo proxecto de
Bungie veuse recompensada.
O director xeral de Activision Publishing, Eric Hirshberg, asegura que “Destiny é oficialmente o meirande
lanzamento dunha nova franquía na industria. Tamén é o xogo de consola con máis
vendas en versión dixital no seu primeiro día. Temos máis confianza que nunca
en que Destiny converterase nunha das
franquías emblemáticas desta xeración e na na vindeira marca millonaria de
Activision”.