Desvelan o cadro de relatores de TEDxGalicia 2015

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro 19 de setembro no andar -1 do Museo Centro Gaias na Cidade da Cultura, grazas á colaboración do Centro de Emprendemento de Galicia, vai desenvolverse unha nova edición do TEDxGalicia, encontro que botará a andar ás 16:00 horas e amparará unha serie de relatorios dun máximo de 18 minutos de duración cunha temática variada que de xeito xeral enmarcarse baixo o lema Realidades tras a percepción. Para contribuír á creación dun bo ambiente, o evento estará precedido por unha sesión matinal de TEDxGaliciaU.
Os interesados en participar poden xa adquirir a súa entrada a un prezo de 35 euros, o que xa fixeron numerosos incondicionais desta serie de encontros anuais, pese a que a relación de intervencións nesta nova edición non se desvelou até hoxe.
Os relatores de TEDxGalicia 2015 serán o investigador xurídico da USC, Miguel Vieito; a co fundadora da empresa de nanotecnoloxía Nanogap, Tatiana López; o activista Lucas Requejo; a traballadora social Cristina Palacios; o radiólogo Roberto García; Fátima Ezzahra; o creador do espazo de coworking madrileño utopic_US, Rafa de Ramón; a mestra fundadora de Realkiddys, Alba Alonso; e o docente Manel Rives, especializado en bLearning e mLearning. Un completo cadro de participantes, nos que destaca o carácter tecnolóxico de moitos dos seus proxectos.

PUBLICIDADE