Desvelan os prezos para España dos novos Lumia e da nova Surface Pro 4

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Os novos produtos de Microsoft presentados onte están a captar bastante atención, pero para nós era toda unha incógnita no que a prezo se refire, xa que inicialmente dende Microsoft só daban prezos en dólares, pero desta volta a espera non está a ser longa, e hoxe mesmo estamos a coñecer prezos dos primeiros produtos que chegarán a España.
Por unha banda tempo que os smartphones Lumia 950 e Lumia 950 XL estarán posiblemente á venda no mes de novembro a un prezo de 599 e 699 euros respectivamente, o que se aproximaría bastante máis ao prezo norteamericano que os últimos teléfonos de Apple e Google, xa que o Lumia 950 XL venderase nos EE.UU. por 649 dólares.
Pero o equipo coa estrutura de prezos máis interesante de coñecer é a nova tableta Surface Pro 4, da que chegan a dar data de lanzamento (19 de novembro) e que partiría dun prezo de 999 euros para o modelo con procesador Intel Core M3, 4 GB de RAM e 128 GB de SSD, que por 100 euros máis tería unha versión na que optaría por un procesador máis solvente (un Intel Core i5).
Este equipo comezaría a entrar nas ligas maiores con procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD, o que elevaría o seu prezo até os 1449 euros, e a partires de aí xa estariamos a falar de tabletas cun procesador Intel Core i7, que con 8 GB de RAM subiría o seu prezo até os 1.799 euros e con 16 GB de RAM chegaría aos 1.999 euros. Como punto final chegaría unha versión desta última tableta con 512 GB de SSD, que tería un prezo de 2.449 euros.
Estes rangos de prezo parecen deixar clara a intención de Microsoft de amosar o seu produto como unha liña a seguir por outros fabricantes, máis que un produto destinado á súa compra masiva, e nos vindeiros días veremos distintas alternativas que previsiblemente terán prezos máis asumibles.

PUBLICIDADE