Devolo presenta adaptadores powerline para tirar partido do Wi-Fi no xardín
venres, 19 de agosto do 2016
Estes días vén
especialmente a conto falar de tecnoloxías de verán. Por exemplo,
tecnoloxías que nos faciliten o traballo e a comunicación dende
espazos diferentes aos habituais. Devolo, a firma xermana de produtos
tecnolóxicos, está a presentar unha solución para os que queiran
navegar dende o emprazamento do fogar ou da empresa que máis
directamente encamiñado estea ao lecer ao aire libre. Trátase
dos aparellos Devolo dLAN Powerline, que integran entre as
súas principais características a capacidade de aumentar o alcance
da nosa rede Wi-Fi até o quintal, o patio, a leira cos tomates,
o xardín ou, porque non, até a grella da sardiñada.
En palabras de Devolo, os
internautas poderán gozar ao máximo das “agradábeis noites e das
fins de semana asolladas” coa mellor cobertura Wi-Fi para tabletas,
dispositivos intelixentes e trebellos de audio e vídeo en streaming.
A tecnoloxía, engade a empresa, consiste en fornecer sinal de
Internet para calquera enchufe da parede (tecnoloxía Powerline
Communications) cos adaptadores dLAN Powerline. “Só temos que
enchufar o adaptador e comezaremos a gozar dunha rede doméstica sen
fíos ao aire libre”, engaden fontes de Devolo, que tamén lembran,
para que non o saiba, que os adaptadores tiran partido da rede
eléctrica coma se se tratase dun cable de rede, convertendo calquera
toma de corrente nun punto de acceso a Internet “cunha perfecta
recepción de Wi-Fi”.