Dinahosting optimiza a xestión de datos dos seus servizos con NetApp

martes, 24 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa Dinahosting, referente galego e estatal en aloxamento web e dominios, vén de poñer a punto a xestión de datos dos seus servizos con NetApp, a multinacional do almacenamento informático e o manexo de información. A optimización responde un reto concreto: o desafío de contar cos mellores recursos para encarar unha maré de coñecemento que “sube” a tempo completo e, que ao mesmo tempo que medra, achega máis e mellores recursos e posibilidades. De igual maneira, quérese asegurar as máximas fiabilidade, seguridade, eficiencia e utilidade.
Segundo nos lembra Dinahosting, cómpre que teñamos en conta que “hoxe en día, unha soa caixa de correos de correo ten varios GB de correos, que á súa vez son millóns de ficheiros que non paran de crecer”. Isto ten unha consecuencia clara: que todas as tarefas relacionadas coas copias de seguridade ou os movementos de datos non poidan xestionarse da mesma forma.
Mergullados neste proceso dixital, NetApp achegou a Dinahosting avances tecnolóxicos para o seu centro de datos, permitíndolle deseñar unha nova plataforma de virtualización en alta dispoñibilidade, “moito máis flexíbel, segura e cun rendemento moito maior”. Segundo explica Carlos Suárez, director técnico en Dinahosting, “grazas a NetApp podemos ser máis fiábeis e máis eficientes nos nosos procesos”, contando cunha nova estrutura que permite aos usuarios facer uso dun alto volume de información, manter funcionalidades de “gran granularidade” e restaurar unha táboa concreta dunha base de datos, por exemplo, ou unha conta de correo.
A empresa tamén quere facer fincapé en que as devanditas vantaxes inclúense mesmo nos plans de aloxamento máis básicos. “Os tempos de activación dos servizos víronse mellorados coa nova infraestrutura de NetApp e o sistema de copia de seguridade sobre o que seguimos traballando na actualidade, optimizando aínda máis o rendemento da plataforma e as velocidades de recuperación de datos por parte dos nosos usuarios”, engade Rubén Tubío, responsábel de Desenvolvemento en Dinahosting.
A firma con sede principal en Santiago tamén que coas solucións de NetApp foi quen de “percibir unha gran mellora nas súas xanelas de copia de seguridade”, con réplicas dos seus volumes de produción tanto noutros sistemas NetApp coma en contornas virtuais, cunha única ferramenta de xestión, e cunha administración moito máis sinxela, reducindo custos en hardware e consumo de recursos. Como consecuencia disto, dispón dunha plataforma de Disaster Recovery máis potente e con maior fiabilidade, ofrecendo novas opcións de copia de seguridade a medida para os usuarios.

PUBLICIDADE