Discos da Máquina: tres bandas galegas procuran novos usos das redes e xeitos de distribuír

xoves, 20 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Temos novo proxecto discográfico galego e nova web de seu. Trátase de Discos da Máquina, unha iniciativa autoxestionada polos membros das bandas Ataque Escampe, Das Kapital e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. O obxectivo destes grupos galegos, que este sábado celebran cun concerto na Sala Capitol (Santiago) a posta en marcha do proxecto, é recuperar cousas de antigo (o espírito das orquestras populares galegas, por exemplo) e botar man de cousas moi novas (como a autoedición e a autopromoción, a colaboración e distribución en liña, a aposta polas licenzas abertas ou o aproveitamento real de Internet, até agora “tan chea de cousas que é como estar en ningures”, din os responsábeis do proxecto).
En certa maneira, a iniciativa inspírase en parte en A Regueifa, o selo en liña galego do que xa temos salientado a súa vontade de achegarse aos seareiros pola vía de botar abaixo modelos de distribución preestablecidos. Con todo, Discos da Máquina distánciase de calquera iniciativa previa na súa procura dun modelo que sen ser selo discográfico, nin ONG, nin empresa ao uso, nin “chiringuito”, sexa todo isto á vez, e máis. Para achegarnos un pouco ao que se nos achega dende Discos da Máquina, dicir que se trata dunha “asociación non profesional de grupos musicais independentes aos que lles consta que catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel”. Así nolo contan. A súa actitude cara ás novas tecnoloxías é, ante todo, ambigua. E probablemente non está mal que así sexa, tendo en conta que nas TIC, iso xa o sabemos, non todo é útil e fiábel. “Sabemos”, din, “que somos debedores delas, que unha das condicións de posibilidade da nosa autoxestión é a democratización dos softwares; porén, somos conscientes de que a acumulación de materiais na Rede é unha arma de dobre gume e de que aí fóra está, acaso máis que nunca, o mundo real... Por iso un dos nosos propósitos é dar saída material a todos os proxectos, por efémeros ou pequenos que poidan ser”. Polo tanto, que ninguén se estrañe se se pon en xogo unha nova formulación do concepto de redes, tirando proveito delas pero combinándoo todo coa procura do directo e do contacto visual. Discos da Máquina é un proxecto semiaberto para a incorporación de novas bandas e que traballa, como se dixo, con licenzas abertas, tanto a nivel de programas como de música propiamente dita.

PUBLICIDADE