Dispoñíbel unha aplicación para axudarnos a lembrar os horarios dos barcos da Ría de Vigo

martes, 29 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Un dos requirimentos básicos dunha aplicación, ao noso parecer, é que contribúa a facernos a vida máis doada. Por exemplo, que á hora de preparar un desprazamento e levalo a cabo, nos axude a facelo do xeito máis cómodo, seguro e áxil. A aplicación Barco a Vigo, unha ferramenta galega que puidemos coñecer estes días da man do seu desenvolvedor Víctor Fernández, cumpre á perfección co devandito requirimento. Trátase dun servizo móbil, de balde e sen publicidade, que soluciona o problema de lembrar os horarios dos barcos de pasaxeiros da Ría de Vigo (horarios dos barcos entre Vigo, Cangas e Moaña). Está dispoñíbel para móbiles con Android e iOS.
A aplicación foi galardoada cun premio á excelencia polo seu deseño na Phonegap Ninja Contest, competición internacional convocada para procurar as mellores app materializadas botando man de Monaca.
Segundo nos conta Víctor Fernández, estudante de Administración de Empresas na Universidade de Vigo que a día de hoxe atópase rematando o seu ano de intercambio Erasmus na Universidade de Mannheim, en Alemaña, parte da iniciativa Barco a Vigo xerouse durante a súa estadía en Mannheim, precisamente. De feito, foi unha cuestión de deixarse inspirar. Ao seu xuízo, Mannhein é unha urbe que vai camiño de ser por dereito propio unha cidade intelixente modelo e ademais (en parte grazas a iso, en parte grazas ao traballo previo dos seus responsábeis públicos) é unha urbe moi cómoda para vivir. Do que se tratou, pois, foi de traer parte dese espírito á Ría de Vigo.
Como dixemos, a ferramenta está dispoñíbel para Android e para iOS e o seguinte paso, conta Víctor, é engadir os horarios das Illas Cíes, novos idiomas e probablemente simplificar os pagos e o uso do billete. “Hai moitas cousas que se poden facer se as empresas queren colaborar”, engade.

PUBLICIDADE