Dispoñible en Android Market un dicionario galego para usar no móbil
venres, 25 de novembro do 2011
- Captura de imaxe da aplicación para Android DicionarioGalego
A mediados
deste mes de novembro, os emprendedores Sabela Barreiro (deseñadora gráfica freelance) e Xurxo Méndez (Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC),
presentáronnos unha peculiar ferramenta deseñada para móbiles con Android coa
que podiamos conxugar os verbos que quixeramos correctamente na nosa lingua.
Falamos do Conxugalego, unha
aplicación que causou furor entre a comunidade estudantil, á que lle acaba
de “nacer” un curmán, o DicionarioGalego, que tamén está á nosa disposición no
Android Market.
A nova
ferramenta permite a busca no dicionario de calquera termo en galego que
recolla o Dicionario da Real Academia Galega (na súa versión do 1997), aínda
que os seus creadores están a traballar para poñer en funcionamento unha
versión que traballe segundo as definicións do DRAG de 2003, o último.
Falando dos creadores
da ferramenta, Sabela Barreiro e Xurxo Méndez, cabe dicir que se aliaron cun vello coñecido
de Código Cero, o desenvolvedor galego Juan Porta, autor de ferramentas
como a Extra! Extra! Portadas e Chove.
A aplicación
está integrada coa nova versión de ConxuGalego, e permite buscar o significado
dun verbo calquera para despois conxugalo, e viceversa.
As persoas
interesadas en recibir máis información sobre estas ferramentas que poñen en
valor o noso idioma, poden facelo vía
Twitter, na páxina de Conxugalego.