Donald Trump, principal carnada dos spammers no segundo trimestre de ano

martes, 23 de agosto do 2016 Redacción

Coma sempre, os spammers e o correo lixo en calquera das súas manifestacións botan man da actualidade para poñernos diante os seus anzois. Así o vén de reflectir unha vez máis a compañía de seguridade informática Kaspersky, que no seu Informe Spam Q2 Kaspersky Lab 2016 sinala que as eleccións en Estados Unidos e o controvertido candidato Donald Trump foron os protagonistas do spam no segundo trimestre de ano. Ademais, indícase que durante este mesmo período de tempo, o nivel de mensaxes lixo no tráfico global de correo electrónico foi de 57,3%. Isto que significa? Pois basicamente (e lonxe do que nos gustaría), que o spam segue a medrar e ben. De feito, a dita cifra representa un aumento de catro puntos porcentuais en comparación co mesmo período do ano anterior e un punto en relación co trimestre anterior.
Como dixemos, a política foi un dos asuntos máis repetidos e recorrentes á hora prepararen os spammers as súas carnadas dixitais. Segundo sinala Kaspersky, “as vindeiras eleccións en Estados Unidos e os candidatos implicados ofreceron aos ciberdelincuentes unha boa oportunidade”. Así, Donald Trump converteuse nun dos temas recorrentes da maioría dos correos electrónicos non desexados relacionados coa política. Nestes envíos os seus responsábeis centrábanse en falar, supostamente, das metodoloxías exclusivas de Trump para gañar diñeiro. A clave do asunto estaba nunha ligazón que, en caso de premela, levábanos directamente un portal de noticias falso. Nel, para empezar a gañar millóns (imitando os métodos de Trump), convidábasenos a encher cos nosos datos persoais un formulario na páxina web. O resultado era que non só non gañabamos un peso con esta xogada, senón que lles fornecíamos aos delincuentes datos persoais bancarios cos que abrirlles as portas (a eles si) dunha ganancia ilícita a nosa conta.
Polo que se refire ás contas de Facebook, no informe dise que sufriron un ataque neste período cun vídeo de YouTube: un pornovirus publicado desde unha serie de contas de Facebook comprometidas. Ao tentar reproducir o vídeo, convidábasenos a instalar un navegador plug-in titulado Profesjonalny Asystent. Logo, unha mensaxe na pantalla anunciaba que sen instalar o plug-in non se podía ver o vídeo, o que abría o camiño para instalarnos ese aplicativo cando en realidade o que estabamos a facer é abrirlles a porta aos delincuentes.
Na investigación de Kaspersky tamén se indica que Estados Unidos mantivo a súa posición como a maior fonte de correo non desexado co envío do 10,79% do total. Co 10,10% dos envíos lixo subministrados desde o Vietnam, este ocupa o segundo lugar na clasificación de países como fonte de correo non desexado, seguido de India (10,01%). O informe, como contraste, sinala que no mesmo trimestre de 2015 amosou “unha imaxe completamente diferente”, con Rusia obtendo o segundo posto (7,82%) e China ficando en terceiro lugar co 7,14% do spam mundial.

PUBLICIDADE