Dúas startups catalás entre as mellores iniciativas no certame sobre IoT de Telefónica Open Future

martes, 1 de setembro do 2015 Redacción

Telefónica Open Future, a iniciativa global de impulso ao emprendemento na que se integra Galicia Open Future, vén de dar a coñecer os gañadores dun certame sobre Internet das Cousas (IoT) lanzado o pasado mes de marzo en Barcelona (no MWC2015) xunto con China Unicom e THTI (a plataforma de innovación da Universidade chinesa de Tsinghua). Segundo fai saber a operadora, os 8 proxectos gañadores disporán dun plan individualizado de aceleración con acceso ás incubadoras das 3 compañías en 17 países. Trátase das startups catalás Ubikwa e Zolertia, a chilena WiseConn e as chinesas Yaoyao, Mugeda, Vigo, Amesante e LoveLive. No concurso participaron 1.000 novas iniciativas de mercado de 16 países.
Polo que respecta ás dúas empresas estatais recoñecidas na fase final do certame, dicir que Ubikwa é a firma responsábel de Smart Silo, unha solución de baixo custe e sen mantemento para o control remoto dos silos en graxas. Inclúe un escáner en tres dimensións para medir polo miúdo o volume e existencias do acubillo, “facilitando un mellor coñecemento do consumo dos pensos e da necesidade de aprovisionamento e unha mellor xestión xeral do stock, ademais de conectar a granxas e distribuidores de alimentos para animais facilitando e optimizando o subministración e a loxística”, sinala Telefónica, que engade que a súa implantación diminúe as emisións de CO2 até nun 25%.
Polo que atinxe á catalá Zolertia, dicir que subministra tecnoloxía innovadora para resolver os problemas de recoller, conectar e transmitir datos a distancia cun ínfimo consumo de enerxía. O novo hardware de Zolertia, Re-Mote, está enfocado ao usuario, segundo explican fontes de Telefónica, que fai fincapé no feito de que a tecnoloxía permita conectar produtos e proxectos “de xeito máis rápido e eficaz, conseguindo facelo cun consumo enerxéticos 60 veces inferior ao habitual”.
Volvendo á totalidade dos proxectos gañadores e as vantaxes das que poderán gozar por terse imposto na iniciativa, sinalar que disporán dun plan específico adaptado para a aceleración do seu emprendemento. O programa, explica Telefónica, “inclúe espazo adicado de oficinas, a realización de pilotos nas áreas de I+D das compañías impulsoras do certame, acceso privilexiado a fontes de investimento e grandes oportunidades comerciais e de networking derivadas da ampla base comercial das devanditas compañías”. Así mesmo poderán acceder á rede de incubadoras e aceleradoras das firmas responsábeis do concurso en 17 países, así como a espazo de crowdworking especialmente reservado para esta convocatoria en Madrid, Beijing e Xangai.

PUBLICIDADE