EGATEL amosa na Feira IBC de Amsterdam os seus últimos avances en eficiencia enerxética
mércores, 31 de agosto do 2016
A firma galega EGATEL
anunciou que estará de novo na Feira
IBC de Amsterdam (con sede de seu no RAI Convention Center), unha
cita referencial para a a industria dos medios electrónicos e que
xunta, cada ano, o máis destacado do panorama actual da creación,
xestión e prestación de lecer e contido dixital (a Feira IBC adoita
atraer nas súas sucesivas entregas a máis de 45.000 asistentes de
máis de 140 países do mundo). O encontro desenvolverase entre o 9 e
o 13 de setembro. Segundo fai
saber EGATEL, presentará en Amsterdam (dentro da liña WHET,
Wideband High Efficiency Transmitters) as súas novas liñas de
transmisores de TV e reemisores TDT de baixa, media e alta potencia,
que salientan “por un alto nivel de eficiencia enerxética en
deseños moi reducidos”, informa a compañía galega.
No eido da baixa potencia
EGATEL amosará as familias TUWH1000 e RUWH1000, que co tamaño de
1UR, son quen de acadar potencias de até 125 Wrms. Segundo engade a
firma con sede en Ourense, as novas series de transmisores e
reemisores UHF de TV, preparadas para traballar en todos os
estándares de TV Dixital (DVB-T/T2, ATSC (3.0 ready) e ISDB-Tb),
foron especialmente deseñadas para cubrir as necesidades de
instalacións de baixa potencia e con limitacións de espazo.
“Ademais”, engade EGATEL, “incorporan un avanzado sistema de
precorrección dixital con capacidade de adaptación que elimina as
distorsións da etapa de potencia e un potente cancelador de ecos
multi-estandar de altas prestacións, no caso dos reemisores SFN”.
En media potencia, a
compañía presentará a nova familia TUWH3000 de transmisores
entrega potencias de até 300 Wrms en só 3UR. Estes aparellos contan
con amplificadores de alto rendemento con ventiladores externos e
fontes de alimentación redundantes, “ofrecendo unha fiabilidade,
flexibilidade e calidade de servizo inmellorábeis”.
Na modalidade de alta
potencia amosaranse os equipos da serie TLWH7900 con refrixeración
líquida. Segundo informa EGATEL, “estes equipos contan con novos
amplificadores compactos de 2UR con até tres fontes de alimentación
redundante integradas e unha eficiencia enerxética líder no
mercado, o que os converten na mellor opción para cubrir zonas
amplas coas mellores garantías e prestacións”.
Dentro da nova área de
servizos vía satélite, exhibirase o Smart LNB, un equipo
desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase dun
dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo
transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle
de retorno de alta eficiencia. Segundo informa EGATEL, este terminal
“revolucionará o mercado SatCom”, ao abrir a porta a unha ampla
gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes
sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc;
así como aplicacións Machine to Machine (M2M): eSaúde,
Fogar Conectado, Smart Metering, etc.