EGATEL anuncia un innovador sistema de comunicacións por satélite
luns, 22 de agosto do 2016
- Javier Taibo, director xeral de EGATEL, nunha imaxe do xornal Atlántico
Durante a visita ás
instalacións en Ourense de EGATEL
do conselleiro de Economía (visita
da que falamos os días pasados dende Código Cero), Francisco
Conde, a compañía tecnolóxica galega fixo unha serie de anuncios
importantes sobre a súa actividade vindeira. Entre outras cousas,
deu a coñecer que está a desenvolver os últimos detalles dun
sistema de comunicacións por satélite que desenvolve coa compañía
francesa Eutelsat e que vai posibilitar conectar con Internet
calquera lugar do mundo, por moi en sombra dixital que se atope.
Ademais, o sistema permitirá afianzar nestes territorios cobertura
telefónica de baixo custe.
Estes
anuncios foron achegados por Javier Taibo, director xeral de EGATEL.
Taibo engadiu que a tecnoloxía está “en fase de
industrialización”. Arestora, o principal usuario é Sigfox,
a rede IoT (Internet das Cousas) de alcance mundial. Sigfox, como
lembraremos, é unha iniciativa internacional para dar forma a unha
rede independente e alternativa que sustente o vindeiro chanzo dos
obxectos conectados. Sigfox traballa á súa vez con fabricantes
referenciais como Texas Instruments, Atmel, Silicon Labs. Segundo
engadiu Taibo, os impulsores da plataforma Sigfox están a tirar
partido xa da devandita tecnoloxía de EGATEL e Eutelsat en países
como Estados Unidos, Francia o Alemaña.