EGATEL mostra na IBC de Amsterdam as súas novas series compactas de transmisores e reemisores

mércores, 5 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega EGATEL recunca este ano na gran feira europea de tecnoloxías de telecomunicación e transmisión de contidos, a feira IBC de Amsterdam. A cita será entre o 14 e o 18 de setembro e nela, a firma de Ourense contará cun stand de seu na caseta 8.B67. Nesta edición da IBC, EGATEL mostrará as series compactas (até 120Wrms en 1U e de 19 polgadas) TUWH1000 (transmisores) e RUWH1000 (reemisores de TDT, tamén chamados gap-fillers). Segundo informa a empresa galega, estas series están preparadas para traballar en todos os estándares de TV dixital e foron especialmente concibidas para “satisfacer as necesidades de instalacións de baixa potencia con limitacións de espazo”.
Ademais, engade EGATEL, presentan un deseño baseado en plataformas SDR e incorporan, entre outras vantaxes, un avanzado sistema de “pre-corrección dixital adaptativa”, amais de excelentes capacidades de auto-monitoraxe e un potente SW cancelador de ecos multiestándar no caso dos gapfillers.
A firma de Ourense tamén engade que ao abeiro destas series compactas, os equipos de 120Wrms están desenvolvidos con tecnoloxía de alta eficiencia Doherty de banda larga, “algo único no mercado para tan baixa potencia”.
Por certo que os clientes e visitantes tamén poderán coñecer as solucións de EGATEL para amplificación con topoloxía Doherty asimétrica en base a un novo transistor con resposta en frecuencia de 470 a 700MHz que se aplican ás series de EGATEL de alta potencia TLWH7900 refrixerada por líquido e TUWH4000 refrixerada por aire. “Con estas solucións de maior potencia por transistor, increméntanse aínda máis a densidade de potencia e a eficiencia enerxética”, explica a empresa galega.
A feira
O multitudinario encontro Amsterdam a International Broadcasting Convention (IBC), con sede no RAI Convention Center, é gran feira europea de telecomunicacións e audiovisual, na que adoitan participar arredor de 50.000 profesionais procedentes de todos os recantos do mundo (o máis salientábel do panorama actual da creación, xestión e fornecemento de lecer e contidos dixitais), e na que non falta presenza galega en ningunha das súas edicións. Amais de EGATEL, que é unha asidua do evento, teñen participado compañías nosas como o operador público RETEGAL ou os fabricantes Televés e Itelsis.


PUBLICIDADE