EGATEL subministrará televisión interactiva xunto a empresa francesa Eutelsat

martes, 21 de outubro do 2014 Redacción

EGATEL, como empresa especializada no desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia para o transporte ou difusión de sinais de televisión (analóxico e dixital) e sinais de radio dixital vén de anunciar que xunto a Eutelsat Communications -principal operador europeo de satélites e un dos tres maiores do mundo- fará de provedor de equipos para a televisión interactiva. Máis polo miúdo, a compañía -con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia- participará no proxecto Direct to Home baseado en Smart LNB (servizos de televisión interactiva ou intelixente). Neste concepto de televisión á carta converxen tres tipos de industria: a espacial, a audiovisual e a de telecomunicacións.
O contrato de EGATEL coa empresa hólding de Eutelsat xa terá reflexo na cifra de negocio deste exercicio. Pola primeira fase, que acaba de finalizar e que consistiu no desenvolvemento de produto (I+D), a tecnolóxica galega asegurouse uns ingresos de medio millón de euros. Asemade, EGATEL fabricará equipos satelitais bidireccionais, con capacidade para transmitir o sinal ao satélite e para baixalo dende este ao receptor.
E a quen vai dirixido este servizo? Pois os clientes finais son os fogares e empresas con necesidades de interconexión sen dependencia das redes fixas ou móbiles terrestres. EGATEL accede a este potente segmento xunto ao líder Eutelsat Communications, que quere chegar co seu proxecto Direct to Home aos 109 países nos que opera. Os seus 37 satélites -con cobertura en Europa, Oriente Medio, África, Asia e gran parte de Norteamérica e Sudamérica- divulgan o sinal de 5700 canles de televisión (580 de alta definición) e de 1100 estacións de radio.
Cómpre dicir que para levar adiante este produto, EGATEL precisou da homologación do Goberno francés como tecnolóxica con actividade en I+D+i (o contrato con Eutelsat non lle impide manter a propiedade industrial en Galicia).
EGATEL prevé facturar este ano 7,5 millóns de euros, máis do dobre que en 2013 (3,6 millóns). O mercado nacional recupera presenza este ano grazas ás vendas do segundo semestre polos efectos do dividendo dixital, que impón un novo cambio de canles na TDT antes do 31 de decembro.

PUBLICIDADE