Económicas da USC amosa aos estudantes principios básicos e avanzados sobre mercadotecnia en liña

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

A Facultade de Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago vai dar acubillo esta semana, entre hoxe e o venres 26, a un curso presencial sobre mercadotecnia en liña. A actividade, que é de balde, organízase ao abeiro da plataforma Actívate que vén de lanzar Google, á que se xuntaron numerosas universidades españolas (entre elas a de Santiago). O curso vai dirixido a titulados universitarios que busquen emprego. A idea é proporcionarlles coñecementos amplos e útiles sobre mercadotecnia dixital “que lles resulten de proveito para unha procura activa de emprego ou para a posta en marcha da súa propia iniciativa de mercado”.
O curso, que está estruturado en 40 horas de formación presencial, que se desenvolverá en horario de 8.30 a 18.30 horas, inclúe contidos sobre fundamentos de tecnoloxía e mundo dixital, comercio electrónico, marketing en redes sociais e dispositivos móbiles, analítica web e emprendemento.
As persoas responsábeis de impartir esta actividade formativa introducirán aos participantes interesados na creación dunha propia empresa nas pautas e nas ferramentas básicas para facer un plan de negocio. As persoas que superen con éxito as distintas probas de avaliación obterán unha certificación en mercadotecnia dixital emitida polo IAB (Internet Advertising Bureau Spain).

PUBLICIDADE