Ediciones B publicará un libro que repasa a historia dos videoxogos

martes, 28 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O selo dedicado á ciencia ficción de Ediciones B, NOVA, sorprende incorporando ao seu catálogo La Gran Historia de los Videojuegos, a tradución ao español do grande libro escrito hai 15 anos por Steve L. Kent no que se repasa a grande transformación que viviu o lecer electrónico, e que poderemos ver las librarías a un prezo de 24 euros a partires do 14 de setembro.
Nas súas 632 páxinas o texto recolle a historia dunha industria que comezou como unha afección marxinal que evolucionou en fenómeno cultural, repasando así clásicos como Space Invaders ou Pac-Man, que foron auténticos referentes nos salóns recreativos, até a emerxencia das videoconsolas domésticas, no que podemos describir como un repaso dende Pong até Pokémon, aínda que pode resultar decepcionante para moitos lectores por estar narrando dende un punto de vista estadounidense, xa que a entrada dos videoxogos en territorios como o español foi un tanto diferente, xogando un rol moi importante os ordenadores de 8 bits como o ZX Spectrum, polo que a nosa perspectiva desta historia é bastante diferente.
En calquera caso estamos ante unha obra de referencia, unha Biblia do videoxogo, que como principal carencia ten a ausencia de fotografías ilustrando o que se narra, o que sorprende nun volume tan extenso.

PUBLICIDADE