Edisa amosou as novidades de Libra nun encontro multitudinario na Tecnópole

martes, 6 de outubro do 2015 Redacción

A xuntanza de Edisa na Tecnópole nunha imaxe de J. Regal publicada en El Faro de Vigo

A firma galega Edisa, un referente estatal en materia de desenvolvemento de software empresarial, celebrou o pasado 3 de outubro na Tecnópole de Ourense (onde ten a súa sede de I+D) un encontro para os seus empregados. Ao congreso asistiron 150 persoas de forma presencial das distintas sedes da empresa, contando coa asistencia por videoconferencia do resto de persoal, “sobre todo do persoal das sedes latinoamericanas”, informaron fontes de Edisa, que durante o transcurso do encontro deu a coñecer diferentes novidades do seu software estrela, Libra, completa ferramenta de xestión empresarial presente nunha chea de mercados.
Para facernos unha idea do alcance e da importancia do evento do pasado sábado, sobre todo nun nivel de participación, cómpre lembrar que a empresa conta con cinco sedes repartidas a nivel nacional e catro sedes internacionais, con máis de 500 empresas traballando decote con Libra en máis de 25 países. Na xuntanza, máis de dúas ducias de relatores deron a coñecer as novidades coas que conta hoxe en día o devandito software empresarial a través das seguintes fórmulas: “A innovación e o avance tecnolóxico sempre en constante movemento”. Tamén se informou que Libra sairá ao mercado no vindeiro mes de novembro.
A empresa recordou tamén que Libra conta con implantación en máis de 30 sectores, “destacando como un dos líderes de mercado nos sectores da alimentación, pesca e conxelado, construción, industria do aluminio e distribución farmacéutica.
A nova versión, Libra 6, optimiza a explotación de datos, a automatización de procesos, as posibilidades na nube e a mobilidade tanto cos seus clientes como cos seus provedores (incorporando as ferramentas máis avanzadas desenvolvidas polo socio tecnolóxico Oracle). Segundo se fixo saber, “a gran cantidade de ferramentas incorporadas en Libra durante os últimos anos, sitúan a ferramenta como moito máis que un ERP”.

PUBLICIDADE