Educación fornecerá de kits de robótica a 120 centros de Primaria

martes, 13 de xuño do 2017 Redacción

O tempo presente é un tempo no que medra o interese de empresas e entidades por facerse con profesionais con coñecementos de novas tecnoloxías e robótica. No tempo de mañá todo indica que esta demanda intensificarase. En base a isto e tentando asegurar os mellores currículos para os nosos profesionais do día de mañá, a Consellería de Cultura e Educación vén de anunciar que dotará de kits de robótica a 120 centros docentes públicos durante o curso vindeiro, co obxecto de que o alumnado poida iniciarse na experiencia da programación básica, a intelixencia artificial e a construción tecnolóxica. A intención do departamento da Xunta é dar pasos firmes para introducir a robótica en Primaria.
O material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, “que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes”; así como un manual de uso e guía didáctica. Podemos ver a resolución da convocatoria na web da Consellería, onde se fai saber que cada centro poderá integrar a robótica de diversas maneiras: “Mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo”. O fornecemento de kits está dirixido a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante o vindeiro curso. Nas bases engádese que “amais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación”, os estudantes tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 29 de setembro de 2017.
Este programa enmárcase na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, que ten como prioridade “incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os escolares galegos, ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía”.

PUBLICIDADE