Eganet pon en marcha un plan para ceibar de atrancos o afianzamento das TIC

mércores, 14 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet (Eganet) vén de afianzar o seu compromiso a prol da divulgación tecnolóxica no tecido económico galego. E faino a través do seu Plan Impacto, unha iniciativa cofinanciada pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e que se dirixe a loitar contra os atrancos das novas redes no eido das pequenas e medianas empresas: descoñecemento, un aquel de desconfianza e (en ocasións) falta de posibilidades dende o punto de vista técnico ou do investimento.
O proxecto, que foi presentado este mércores 14 no Club Internacional de Prensa de Santiago, comezará a dar froitos a partir de hoxe mesmo, segundo apuntou Eganet (representada no acto por Beatriz Legerén e Manuel Pan), incluíndo actividades de formación TIC para xerentes, directivos e responsables das empresas.
Estas achegas de coñecemento, que tamén van orientadas a divulgar as vantaxes das novas ferramentas dende o punto de vista da competitividade (maior) e do acceso a novos mercados (maiores, tamén), terán unha feitura principalmente práctica e amena, “co fin de familiarizar ás empresas coa linguaxe e os beneficios das novas ferramentas”.
Segundo informou Eganet, o Plan Impacto está vertebrado en 22 sesións e 11 áreas temáticas. Estes serán algúns dos conceptos a tratar: a utilidade de Internet en actividades como o Turismo e a Promoción Inmobiliaria, a factura electrónica, as estratexias de e-comerce, a utilidade da Voz IP ou a tradución automática e os simuladores de procesos e máquinas.
As sesións terán lugar en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Arzúa e Ribeira Sacra e serán impartidas por empresas galegas especializadas en cada unha das materias, que presentarán demostracións prácticas nas que se visualizan os beneficios da incorporación de solucións tecnolóxicas aos procesos laborais e de produción. As empresas que impartirán as distintas materias son Aaccentia Multimedia, Abertal Comunicaciones, Asi-Red, Ava, Imaxin, RDFidelia, Interacción, Pexego, TLR Soft e Visual Publinet.
A sesión inaugural do Plan Impacto celebrarase esta tarde ás 17.30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago, onde José Ramón Pais, enxeñeiro de software da empresa Asired explicará as Ferramentas para os novos mercados electrónicos do turismo.

PUBLICIDADE