Egarsat lanza Preven Game, aplicación de balde para a prevención de riscos laborais

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

A mutua de accidentes Egarsat presentou estes días Preven Game, unha aplicación gratuíta de balde dirixida a “sensibilizar á cidadanía sobre a prevención de riscos laborais en diferentes profesións”. A ferramenta, apta para smartphones e tablets con compatibilidade Android e iOS (Apple), achega unha feitura de xogo e un formato familiar e sinxelo de quebracabezas e roldas de preguntas con múltiples preguntas a escoller. A través dela, poñeremos a proba os nosos coñecementos acerca dos riscos laborais que afectan aos distintos traballos. En total, inclúense un total de 40 perigos potenciais: dende atropelos a caída de obxectivos a choques e feridas, pasando por contactos dérmicos con materiais de risco para a saúde.
O número de profesións incluídas é de 45, incluíndo a agricultura, o comercio, a condución, a construción ou a educación, entre outros. Preven Game foi desenvolvido pola dita mutua como parte da acción protectora que proporciona ás empresas mutualistas, co obxectivo devandito de potenciar a prevención de accidentes nos ámbitos de traballo.
“A aplicación”, sinalan os seus responsábeis, “é un complemento tanto para as visitas de asesoramento que realizan os técnicos de prevención como para as xornadas de sensibilización dirixidas a traballadores que ofrece Egarsat en materia de prevención de riscos laborais”. A app inclúe preto de 100 preguntas distribuídas en tres niveles de dificultade, e pode ser utilizada por distintos usuarios desde o mesmo dispositivo móbil, grazas á posibilidade de crear e almacenar diferentes perfís. Para superar toda a secuencia, o usuario debe realizar 10 quebracabezas e contestar un total de 36 cuestións. A medida que se vai progresando, a aplicación amosa o avance na porcentaxe de coñecemento adquirido en cada nivel e, ao rematar, permite compartir o resultado nas redes sociais Twitter e Facebook.

PUBLICIDADE