Elogia e Gradiant impulsan un proxecto para introducir o smart na mercadotecnia de contidos

xoves, 4 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

O centro tecnolóxico Gradiant vén de informar dun novo proxecto no que achega a súa experiencia e coñecemento: o proxecto EFOROS, centrado en ofrecer tecnoloxías para a “curación” de contidos de medios sociais en todas as súa fases. EFOROS foi subvencionado polo programa nacional RETOS-Colaboración 2015 con fondos europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Está coordinado por Elogia, axencia de mercadotecnia dixital experta en comercio electrónico que ten unha das súas sedes principais en Vigo, amais de estar liderada polo galego Rubén Ferreiro (director executivo, CEO, da devandita axencia).
Segundo informa Gradiant, a raizame deste proxecto está no obxectivo de introducirmos un meirande compoñente de intelixencia e efectividade no ámbito da mercadotecnia de contidos, unha contorna que actualmente “desborda” aos seus editores e xestores “polo elevado número de información que teñen diante e a escasa capacidade de filtrado coa que contan”. De feito, é un feito que a cantidade de contidos cos que contamos non veu acompañado dun compoñente parello e universal de calidade. “Nunha contorna na que calquera pode xerar e publicar información, cubrir as funcións de curator ten un gran valor diferencial e utilitario para as audiencias dixitais”, explican dende o centro tecnolóxico galego, engadindo que se estas funcións teñen e terán “un valor capital no mantemento no tempo de audiencias e en todos os procesos de construción de marca no ámbito dixital”. Precisamente para impulsar e asegurar estas funcionalidades xorde o proxecto EFOROS, que fornece tecnoloxías para a “curación” de contidos de medios sociais en todas as súas fases: Procura (Search), Selección (Select), Personalización (Sense) e a Compartición (Share).
O proxecto fornecerá tecnoloxías innovadoras para o estuda da información, a súa edición e a medición do seu alcance mediante a aplicación de Procesado de Linguaxe Natural (PLN) e os últimos avances en tecnoloxías deep learning.
Como dixemos, EFOROS está coordinado por Elogia, unha axencia con gran experiencia no mercado dixital e un fondo coñecemento dos atrancos das tecnoloxías existentes para o depurado e o filtrado da información nas comunidades e servizos 2.0. Pola súa banda, Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) achega a súa capacidade nas tecnoloxías para a análise de contidos e particularmente o seu dominio das tecnoloxías PLN, unha liña de traballo referencial do Centro e validada grazas a (entre outros grandes resultados) os seus premios en certames internacionais, como SEMEVAL e as múltiples publicacións dos investigadores acerca da cuesitón. Segundo engade Gradiant, a iniciativa innovadora de Elogia, xunto coa experiencia e o impulso de Gradiant neste tipo de convocatorias de axuda aos proxectos de I+D, foi determinante para o éxito na preparación da proposta.

PUBLICIDADE