Eltiempo.es: nova tentativa de achegar máis exactitude nos partes meteorolóxicos

luns, 26 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Dar conta do tempo xa non é só un xeito de facer conversa neses intres complicados en que compartimos o ascensor con descoñecidos/as, senón tamén unha maneira de pór un pouco de control sobre o incontrolable. Ou sexa: que estaremos a dar pasos firmes para comprendelo. Diso, de axudarnos a non tolear, é do que trata Eltiempo.es, nova presenza na Web que, como o seu propio nome indica ben ás claras, ten unha feitura de previsión climática en liña e, tamén, de cousa proposta para ser lembrada sen necesidade de acudir a favoritos ou á axenda.
O caso é que a páxina non ofrece case nada que non ofrezan outras (no caso da nosa terra, a páxina meteogalicia.es seguirá a ser unha referencia), pero si que é certo que hai un interese polo detalle.
E non só polo estritamente climático (vemos previsións a curto, medio e longo prazo ou datos sobre que tempo fará ó longo de todo o día) senón tamén polos aspectos sociais das localidades das que se informa (hai 9.000 rexistradas polo miúdo na base datos).
A web, que incorpora unha boa cantidade de mapas, apóiase en datos procedentes da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e da empresa finesa Foreca, co fin de “obter a información máis completa posible”.
Neste intre, informan os responsables da iniciativa (o Grupo Inicio.es), estase a desenvolver o despregue dunha rede propia de miniestacións de observación atmosférica que contribúa a achegar máis exactitude nos partes meteorolóxicos.
Con todo, amola moito ver como dende Madrid e dente outros recantos de España seguen a voltas coas incorreccións de sempre nos nosos topónimos. Dous exemplos: "La Coruña" e "Orense".

PUBLICIDADE