Emparellados: un quebracabezas para Android que pode xogarse en galego e koruño

martes, 6 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Aínda que xa leva un par de meses dando guerra en Google Play, hoxe queremos dar conta dun divertido xogo para Android desenvolvido en Galicia e que achégase nunha versión de balde e noutra de pagamento (por só 1,21 euros) chamado Emparellados, que sería un quebracabezas máis co que pasar o tempo no móbil ou tablets se non fose por unha característica senlleira: a súa interface pode configurarse para amosar textos en español, galego, inglés e koruño.
A mecánica de Emparellados é moi sinxela, consistente en desprazar bloques co noso dedo pola pantalla táctil do noso dispositivo móbil, de xeito que ao xuntarse bloques iguais, desaparecen, sendo o obxectivo rematar con todos os bloques dentro dun tempo límite fixado e tendo en conta obstáculos e a propia forza da gravidade (así como elementos de cores que facilitan o teletransporte dos bloques). Tamén sumaremos puntos adicionais se facemos que ao mover os bloques pasen sobre unhas larpeiradas que aparecen na pantalla durante uns segundos.
A versión de balde do xogo ofrece 45 niveis divididos en 3 capítulos, mentres que os usuarios que pasen por caixa poderán gozar de 150 niveis divididos en 6 capítulos, o que garante moito tempo de lecer e satisfacción ao superar os numerosos retos que supón superar as fases de máis dificultade.
Este divertido xogo é obra de Alberto Gato Otero, enxeñeiro informático que desenvolve o seu traballo baixo o selo Máisquedeseño.

Emparellados pode xogarse en español, inglés, galego e koruño


Vídeo no que podemos ver a xogabilidade de Emparellados

PUBLICIDADE