Emprendedores vigueses lanzan Vitalfy, plataforma para xestionar servizos de saúde online

mércores, 4 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

Dende Vigo chéganos estes días unha nova iniciativa para xestionar eficazmente (e eficientemente) servizos de saúde en liña. Falamos de Vitalfy, unha plataforma tecnolóxica de utilidade para facer cousas como buscar, reservar e pagar servizos para mellora da saúde persoal. Vitalfy, que tamén se propón o obxectivo de ser un punto de encontro para expertos e usuarios arredor dos coidados médicos e os recursos para vivirmos máis e mellor, foi posta en marcha polos galegos Borja Martínez (director de mercadotecnia, CMO) e Roberto Fernández (director executivo, CEO). Na orixe do proxecto está o seguinte: mudar o modelo de negocio actual e achegar unha plataforma que sexa “un marketplace de referencia en España”.
Segundo comentan, unha das súas preocupacións foi a de buscar xeitos para rematar cos problemas e os atrancos que sofren hoxe en día os profesionais do sector para levar a cabo todo tipo de xestións nos servizos na Rede, por exemplo facer reservas ou pagos en Internet. “A peculiaridade de Vitalfy”, explican, “é que é a única plataforma no seu sector que integra todo o proceso de contratación, podendo acordar a data e a hora co profesional contratado, xa sexan fisioterapeutas, podólogos, nutricionistas, psicólogos e logopedas, entre outros, mentres se realiza a compra do servizo, a domicilio ou na clínica do especialista, sen ter que buscar a posteriori unha data que conveña a ambas as partes”.
A plataforma galega, polo tanto, pretende ser innovadora dende todas as frontes, pero actuando de cheo na transformación do modelo de negocio predominante dentro deste sector, “ao mesmo tempo que integra todo o proceso de compra, busca, reservas e pagos na mesma plataforma”, comenta Roberto Fernández, CEO de Vitalfy, quen engade que “outras plataformas obrigan a pagar antes de fixar a data da cita, o que nos debera facer pensar se queremos pagar por un servizo adiantado sen saber cando o recibiremos”. E apunta, acerca das vantaxes da plataforma desenvolvida: “En apenas uns clics, Vitalfy permite realizar a reserva e o pago do servizo entre máis de 1000 profesionais”.
Roberto e Borja tamén salientan outro punto distintivo da súa iniciativa tecnolóxica, algo que marca diferenzas con respecto á competencia, e é o feito de que dispón dun programa innovador para manter no tempo usuarios e clientes que lles permite acumular diñeiro (vitalcoins) na web a medida que vaian realizando compras. Deste xeito, informan, “ademais dos descontos que xa poderán atopar en cada servizo, poderán usar vitalcoins para obter maiores beneficios económicos”.
Segundo lembran, os profesionais non terán que pagar ningún tipo de cota mensual “como acontece con outras plataformas”, senón que poderán dar a coñecer os seus servizos de balde, acadando “un escaparate co que obterá meirande visibilidade”. E explican: “A compañía só cobrará unha comisión por cada reserva que se realice a través da plataforma”.

PUBLICIDADE