Empresarios e profesionais xuntáronse no Pazo de Mariñán para coñecer novos xeitos TIC de optimizar os seus negocios

venres, 19 de decembro do 2014 Redacción

A Factoría de Innovación da Coruña celebrou este mércores no Pazo de Mariñán (Bergondo) a xornada Aprovéitate da tecnoloxía, que veu para quedar, unha cita cos profesionais que serviu entre outras cousas para presentar as potencialidades de Parnet-TIC 2, un proxecto europeo promovido pola Deputación da Coruña en colaboración con outras entidades de España, Francia e Portugal, que emprega as novas tecnoloxías para fomentar a Sociedade da Información en territorios rurais e promover a creación e procura de emprego, especialmente na área ambiental. A iniciativa, díxose, está a xerar xa diversas actuacións, como a posta en marcha de accións formativas ou a creación dunha plataforma web onde se amosan ideas, perfís de oferta e demanda e un catálogo de ferramentas orientadas a aforrar custes ao emprendedor e optimizar os seus resultados. Tamén abrollou dela unha aplicación móbil de seu destinada a incentivar a conectividade.
Ademais disto, durante a xornada (dirixida a amosar perante empresarios e autónomos como poden empregar as TIC para mellorar a súa produtividade e canles de venda), celebráronse tres mesas redondas, de maneira simultánea, nas que se abordaron diferentes ferramentas de utilidade para este colectivo: os ERP e CRM, as páxinas web corporativas, as redes sociais e as app, entre outras. Máis en detalle, explicouse os conceptos de ERP (xestión de negocio) e e CRM (captación e mantemento no tempo de clientes), cal é o seu custo de implantación e que tipo de solucións ofrecen para cada tipo de empresa. Tamén se amosou como empregar a web corporativa e as redes sociais como eixos estratéxicos dun plan de mercadotecnia, incidindo na importancia de que a páxina teña unha arquitectura acaida ao cliente, integre as redes sociais e que os textos sexan claros e directos.
Igualmente, analizáronse as potencialidades das aplicacións móbiles (app), recomendando ás compañías que aposten por unha aplicación móbil no caso de que poida ofrecer contidos exclusivos e alternativos aos que ofrece a súa web, “porque o investimento derivado non compensa o beneficio a non ser que ofreza novidade e valor engadido para os seus usuarios”, fíxose saber na xornada. Nela interviñeron Mariem Filgueira (Factoría de Innovación da Coruña),
Carlos Alfonso (Instituto Tecnolóxico de Galicia), Pablo Rodiz (Enxine), María Regueiro (Asubía) e Óscar Blanco (Partnet-TIC 2).

PUBLICIDADE