En 2014 houbo no ámbito estatal 17 millóns de internautas compradores

xoves, 18 de decembro do 2014 Redacción

Esta semana presentouse un novo estudo que certifica os agoiros positivos para a actividade comercial ligada á Rede. O Informe de Tendencias eCommerce 2015 sinala que haberá crecemento para o 80% das tendas en liña ao longo de 2015. A investigación, feita polo Observatorio eCommerce do Foro de Economía Dixital (coa colaboración de firmas como como PackLink), baseouse nun repaso pormenorizado dos negocios dixitais estatais, analizándose a a súa evolución e as perspectivas para 2015. En total, fixéronselles enquisas a máis de 4.500 establecementos dixitais, abranguendo todo tipo de sectores e localizacións. No estudo demóstrase que o comercio electrónico “móvese cada vez máis en distintos tecidos produtivos”.
Tamén se sinalan hábitos dos internautas compradores. Como por exemplo que o 65% dos mesmos mercan artigos vencellados á moda, aos complementos, á beleza e á saúde. Estes son precisamente os ámbitos de actividade que se sitúan no cumio do ecommerce no ámbito estatal, superando por vez primeira en 2014 ao sector de turismo, que acada un segundo posto cun 59% dos compradores.
O informe tamén conclúe que o ano pasado houbo arredor de 17 millóns internautas mercando por Internet en España. Asemade, reflíctese que máis do 80% das tendas en liña ollan cara ao futuro “con optimismo”, xa que prognostican un medre do 10% nas vendas dixitais ao longo de 2015.

PUBLICIDADE