En España páganse 200 euros máis ca en Francia pola conexión á Rede

xoves, 5 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

En España, os problemas dos cidadáns coa Rede son ás veces coma o tempo dos días pasados en Galiza: chove sobre mollado. Isto vai porque ó feito de que non haxa moitas posibilidades de acceso en boas condicións fóra das cidades hai que engadir outro factor que é como botar cara a atrás un bo número de posibilidades de normalización das redes: o seu elevado prezo. Dito doutro xeito: quen queira pasar dun lado a outro da fenda dixital tendo un orzamento doméstico axustado, mandará á Rede a tomar vento. Segundo publicou os días pasados Europa Press facéndose eco dun estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o país español segue a ter a dubidosa honra de ser un dos máis caros da UE en cuestión de acceso á Internet. Asemade e para rematar a faena, é un dos que ofrecen conexións máis lentas, cando as hai.
De feito, neste país un usuario paga uns 580 euros anuais coa tarifa máis barata, o que máis ou menos significa que paga 200 euros ca un francés polo mesmo servizo, habendo (asemade) moitas probabilidades de que cobre menos cada mes por idéntico traballo desenvolvido. Sexa como sexa, en Portugal tampouco están como para botar bombas. Alí pagan 556 euros ó ano por estar na Rede. O peor segue a ser o caso de Bélxica, con 645, e de Reino Unido, con 601. Para facer este estudo, que inclúe moitos máis datos de interese, a entidade OCU non escolmou as ofertas máis caras de ADSL, senón todo o contrario, con ou sen bucle desagregado. Fixo o mesmo coa Internet por cable.

PUBLICIDADE