En España xa se venden máis móbiles libres que a través de operador

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado verán, durante a visita á Coruña dun dos responsables da comercialización de Samsung para España, Luís de la Peña, asegurouse que na provincia da Coruña a compañía surcoreana rexistrara nos últimos 12 meses un equilibrio no volume de vendas entre a canle de retail e os operadores de telefonía móbil, deixando claro un importante cambio nas tendencias do mercado, e ese rumbo parece agora confirmarse, de xeito que a cota de mercado dos operadores á hora de vender terminais non para de caer, e o pasado mes de decembro o 55% dos móbiles teríanse vendido a través da grande distribución, cando en 2012 ese volume non chegaba ao 2%.
Queda así clara constancia que a eliminación das grandes subvencións dos terminais para a captación de clientes afectou fortemente aos hábitos de compra, e mentres antes os consumidores tendían a acudir a tendas de compañías como Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo, nos últimos anos incrementouse a presenza de smartphones na canle libre no comercio xeralista (Carrefour, El Corte Inglés, Alcampo...), no especializado en electrónica (Media Markt, Worten...) e incluso en tendas en liña (como Amazon), de xeito que 2015 sería o primeiro ano no que a venda de smartphones libres superaría aos que venden os operadores. O cambio foi moi brusco durante 2015, ano no que a cota de mercado dos móbiles libres oscilaba entre o 39% e o 44%, pero en outubro chegou ao 48%, en novembro pasou ao 50% e, finalmente, na campaña de Nadal chegouse ao 55%.
Se facemos un seguimento a máis longo prazo vemos que en xaneiro de 2012 os smartphones libres eran apenas un 2% das vendas, comezando a medrar cando en marzo Movistar dixo adeus ás subvencións, de xeito que o ano rematou cun 10% de terminais libres vendidos (no mes de decembro). 2013 pechou co 30% de cota e 2014 co 38%, polo que a relación entre subvencións e canle de compra está moi clara dende o primeiro momento.
Aínda que podemos pensar que os operadores teñen agora moi pouco control sobre o consumidor, ao só competir en tarifas, de xeito que as súas tendas físicas terían cada vez un rol menor, cómpre destacar que este cambio de tendencias vén con outro grande cambio: as ofertas converxentes. Nos últimos anos un dos principais factores para a contratación dunha compañía de telefonía móbil determinada é o conxunto de servizos entre Internet, teléfono e televisión, polo que a subvención de terminais móbiles podería afectar aos resultados das compañías dun xeito insignificante (de feito, houbo compañías que tal práctica ocasionáralle perdas económicas).
Este escenario aínda vai experimentar cambios máis importantes, xa que espérase que a finais de ano comecen a chegar ao mercado smartphones con eSIM, o que podería reducir aínda máis o volume de móbiles adquiridos a través de operador de telecomunicacións.

PUBLICIDADE