En Reino Unido subirán os prezos da App Store máis dun 25% por mor do Brexit

martes, 17 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Dende 9to5Mac están a dar conta dunha consecuencia directa do Brexit, que xa non só afectaría ás tendas de produtos físicos, senón que tamén trasladaría o impacto da debilidade da libra esterlina aos contidos dixitais e aplicacións, de xeito que Apple estaría a notificar aos desenvolvedores que van mudar os seus baremos de prezo, o que suporá que Reino Unido vai ver un incremento dos prezos en máis dun 25%.
Deste xeito, as aplicacións que nos EE.UU. están á venda por 0,99 dólares e a 0,99 euros en España, pasarán a custar 0,99 libras no Reino Unido, cando até o momento o seu prezo era de 0,79 libras. Algúns chanzos de prezo son aínda máis acusados, de xeito que as aplicacións que estaban á venda por 1,49 libras pasarán a custar 1,99 libras (máis dun 33% de suba). Por fortuna, algúns prezos máis elevados como o desbloqueo de todos os niveis de Super Mario Run manterá unha suba moderada, de xeito que pasará de 7,99 libras a 9,99 libras.
Polo momento o aviso das subas de prezo está a chegar a desenvolvedores de aplicacións, pero confíase en que se apliquen os mesmos baremos a series de televisión, películas e libros, producíndose o incremento de prezos nos vindeiros 7 días. Aparte de Reino Unido os cambios de prezo tamén afectarán a Turquía e á India.

PUBLICIDADE