En decembro teremos o primeiro xogo de Mario para iOS

mércores, 7 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Durante o evento de Apple celebrado hoxe, caracterizado pola ausencia anuncios que non se filtrarán anteriormente, sorprendeu o feito de que Tim Cook conseguise gardar un as baixo a manda, causando grande expectación ao convidar a subir ao escenario a Shigeru Miyamoto, creador de Mario, para presentar ao mundo o xogo Super Mario Run, un completo xogo de plataformas da franquía máis célebre de Nintendo, desenvolvido especificamente para móbiles, e que estrearase en decembro na App Store, sen detallar o tempo que haberá que agardar para gozar deste título en Android.
Este xogo seguiría os pasos de Rayman, e así como Rayman Origins deu lugar a Rayman Jungle Run, pasando dun plataformas de control tradicional a un xogo controlable mediante toques en pantalla, con Super Mario Run teriamos tamén un runner, no que o usuario só terá que realizar toques co seu dedo para saltar sobre obstáculos, evitar inimigos e acadar a bandeira ao final dos niveis, ou sexa, que estariamos ante un xogo que podería controlarse cunha única man (algo que non resultaría posible cun Super Mario tradicional).
Super Mario Run terá como modo de xogo máis recoñecible o que consistirá en recoller moedas e dirixirse á meta, aínda que tamén contará cun modo no que o xogador terá que competir contra os movementos acrobáticos doutras persoais que completaron o mesmo nivel. Cos resultados nestas modalidades de xogos conseguiranse elementos que permitirá gozar dun terceiro modo, que permitirá crear o noso propio Reino Champiñón.
Como vén a ser habitual nos xogos móbiles actuais, Super Mario Run poderase descargar de balde, contando coa algúns contidos gratuítos, sendo posible pagar logo para desbloquear o xogo completo, aínda que nas vindeiras semanas darán máis detalles sobre o modelo de negocio deste xogo desenvolvido por Nintendo en colaboración con DeNA.
Para celebrar este grande fito no sector dos xogos para o móbil, este mesmo mes lanzarse un lote de adhesivos de Mario para a aplicación iMessage, para que os usuarios desta ferramenta poidan dar un toque Mario ás súas conversas.
Super Mario Run non é o único título de Nintendo que vai dar o salto a móbiles nos vindeiros meses, e antes de rematar marzo de 2017 está previsto que tanto Animal Crossing como Fire Emblem teñan aplicacións móbiles. En calquera dos casos non estariamos ante unha adaptación dos xogos orixinais, senón ante títulos que poderiamos considerar menores, de xeito que os seareiros de Nintendo continuarían a mercar as consolas do fabricante xaponés se queren gozar dos seus xogos exclusivos.

Vídeo no que podemos ver Super Mario Run en acción

PUBLICIDADE