En marcha Loquieroya.es, unha web tecnolóxica para xente que aborrece a tecnoloxía

martes, 15 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Esta semana soubemos da posta en marcha dunha nova web sobre gadgets tecnolóxicos de potencial e utilidade, sinalan os seus responsábeis, “para usuarios que saben ben pouca cousa sobre tecnoloxía” e que, ademais, teñen pouca intención para remedialo. Porén, engádese, son quen de recoñecer que os gadgets son xa imprescindíbeis para a maior parte da poboación. A páxina chámase Loquieroya.es e salienta por achegar claves aos internautas non-techies que fagan máis doado o camiño cara ao seu trebello ideal: o smartphone ao mellor prezo para usuarios con poucos recursos, o portátil máis lixeiro para xente que viaxa, o disco duro para internautas con moita información que acubillar.
Segundo informan os responsábeis da web, esta baséase nun descoñecemento xeral e concreto respecto das TIC: o descoñecemento de moitos usuarios que non naceron nin medraron na era dixital, que se incorporaron cunha formación analóxica, pero que precisan recursos que lles axuden a decidir a súa compra. Loquieroya.es é un proxecto en liña xestionado por Produtos Editoriais Sanz e que xorde co obxectivo de situarse “como a web de referencia de tecnoloxía para persoas que odian a tecnoloxía”. De aí que as súas entradas compartan entre outras cousas o nexo común da sinxeleza, da familiaridade e dun uso limitado de termos técnicos. A redacción da web está liderada por Ángel Francisco Jiménez, profesional con experiencia en revistas de videoxogos (OK PC, Cibergarmers, Playstation Magazine) e portais de tecnoloxía como Terra. O equipo componse por xornalistas seareiros dos gadgets máis novos e con longas traxectorias no sector.

PUBLICIDADE