En marcha un portal para facer máis doada a comunicación entre a sociedade e a Administración xudicial

luns, 23 de setembro do 2013 Redacción

A Xunta presentou esta fin de semana un novo portal de seu, exustiza.es, destinado a pór máis preto da sociedade galega a Administración de Xustiza. Ou sexa, a aplicar no eido da Xustiza galega unha das principais máximas do que se vén coñecendo como Administración Electrónica: a de facer que as institucións sexan quen de botarse fóra dos seus límites especiais. O portal en cuestión, a primeira fase dun espazo web específico que se prevé máis completo, abrangue datos e servizos que, segundo apunta a Xunta, serán de utilidade para toda aquela persoa que teñan que acudir perante os tribunais. “O cidadán que acceda a eXustiza”, engádese, “poderá coñecer de xeito sinxelo cales son os seus dereitos e deberes, quen e como pode acollerse a asistencia xurídica gratuíta ou como funciona o servizo de atención á vítima e á cidadanía”.
Asemade, aqueles que teñan que participar nun procedemento xudicial atoparán “unha explicación detallada de como funciona o xurado (requisitos, participación, retribucións e indemnizacións) e cales son os dereitos, obrigas e indemnizacións das testemuñas”. Como dixemos, a web está sometida a un proceso de espallamento e de incorporación de novos apartados. Segundo informa o Goberno galego, engadirá máis información sobre os órganos da Administración de Xustiza en Galicia e con utilidades específicas para profesionais do sector. O obxectivo, sinálase, é que www.exustiza.es sexa a canle de comunicación na Rede entre os cidadáns e a xustiza e no que poidan realizar as súas xestión telemáticas a través da futura sede xudicial electrónica.
A un nivel máis detallado, dicir que o portal incorpora un directorio de órganos xudiciais, no que se poden atopar 323 edificios e 696 órganos xudiciais en Galicia: xulgados, rexistros civís, fiscalías, oficinas de atención ao cidadán e as vítimas e outros órganos e servizos localizados no mapa e con todos os datos de contacto. A web abrangue tamén datos sobre os servizos que ofrece a Administración de Xustiza, con explicación de como son os procedementos e formularios para a súa descarga. No caso do Rexistro civil pódese atopar a información e documentación relacionada con nacementos, defuncións, matrimonios, nacionalidade e outras certificacións. Tamén se atopa a información sobre a inscrición no rexistro de parellas de feito.
Asemade, inclúese un apartado de preguntas frecuentes, para resolver dúbidas ligadas a calquera dos temas recollidos en eXustiza, e un apartado de actualidade con novas da Xunta de Galicia e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A maiores, abrangue contidos específicos e concretos para “procesos de especial interese ou incidencia nun momento concreto”, polo que dá acubillo a utilidades específicas relacionadas co recente sinistro do Alvia en Santiago ou coa presentación de demandas por investimentos en produtos financeiros (preferentes e subordinadas).

PUBLICIDADE