En marcha un servizo para facilitar a toma de decisión nos comicios políticos: Qvoto.org

martes, 8 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Vén de chegar estes días á Rede o que se presenta como o primeiro servizo en liña en español que facilita a toma de decisión de face ás eleccións xerais, e busca facelo “dunha maneira obxectiva, innovadora e de balde”. O servizo chámase Qvoto.org e a súa arela específica, detallada, é a de botarnos unha man aos internautas-electores poñendo á nosa disposición recursos en liña doados de usar que sexan quen de comparar os nosos ideais políticos con propostas electorais reais e concretas achegadas polos diferentes partidos que concorrerán nos vindeiros comicios xerais. Tendo en conta isto, o sistema forneceríanos o nome da agrupación máis acaida ao noso credo político e social.
Para tirar partido da ferramenta, o primeiro que temos que facer é encher unha enquisa que inclúe unha batería de medidas electorais ante as que podemos manifestarnos a favor, neutrais ou en contra. Logo, obteremos decontado o grao de acordo con cada un dos partidos. Asemade, podemos ver a posición das agrupacións políticas en cada unha das propostas de Qvoto.
Este servizo, explícanos Mario García de León Recio, co-fundador do mesmo, susténtase sobre unha idea que con lixeiras variantes está a coller corpo e a espallarse por diferentes países europeos: a idea de tirar partido das máis avanzadas tecnoloxías para comparar as propostas dos diferentes partidos nos temas máis demandados ou controvertidos. As tecnoloxías de análise exhaustivo e continuo, xunto coa concorrencia dunha nutrida comunidade de usuarios, permiten, a xuízo dos creadores de Qvoto, achegar un elemento novo e máis fiábel cá habitual toma de decisións baseada nos medios ou os mitins.

PUBLICIDADE