En marcha unha rede social para menores dirixida a espertar as súas vocacións científicas

xoves, 15 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Nestes tempos en que unha chea de nais e pais amosan a súa preocupación polo tempo e dedicación que os seus fillos lles dedican ás redes, non está de máis lembrar que estas son boas ou negativas dependendo do uso que se lles dea, e que alén das caralladas en liña que certamente non achegan nada positivo ás novas xeracións, hai servizos que nacen dende o extremo contrario. Como a rede social FiZZiKiD, posta en marcha para menores de entre 8 e 14 anos coa arela de espertar a súa vocación científica e favorecer a amizade a través da colaboración investigadora e do intercambio de coñecemento. Con só dúas semanas de vida, ten máis vertentes a valorar: por exemplo, que pon en xogo unhas medidas de protección á nenez dirixidas a evitar o mal uso do servizo.
A nova comunidade, que vén moi a conto estes días (nos que se celebra, precisamente, a Semana da Ciencia, ao longo de todo o mes de novembro), non está pechada á participación de nais e pais, que son, precisamente, os que rexistran ao menor na rede 2.0 (a través do seu eDNI e outros documentos identificativos ou probatorios). O servizo vén da man de Pequeciencia Comunidade Educativa na Rede, empresa que semella terse coidado ben no que se refire á seguridade dos pequenos, de aí que engadira un sistema de alertas ante infraccións de normas de conduta ou mensaxes de calquera tipo que non lle acaian á liña editorial da rede. Esta está dirixida a usuarios de a pé e tamén aos centros educativos, co obxectivo de complementar o seu labor de ensino coas vertentes científicas que pon en xogo a plataforma. O prezo por usuario é de arredor de cinco euros.

PUBLICIDADE