Enrique Dans e Domingo Docampo clausuraron os encontros de Mondariz sobre novas tecnoloxías e crise

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Enrique Dans, Luis Cuntín e Domingo Docampo, no transcurso das intervencións do último día das xornadas

Finamente a novena edición dos Encontros de Mondariz-Balneario confirmouse como un dos grandes foros galegos de debate tecnolóxico-dixital-social da tempada. O evento, que se desenvolveu a semana pasada da man da Fundación Carlos Casares e baixo o epígrafe a Sociedade do Coñecemento alén da crise, xuntou no concello pontevedrés a un importante número de especialistas, investigadores e xornalistas, sendo un dos seus obxectivos primordiais saber até que punto as novas redes nos poden axudar no camiño da xustiza social, a democracia real e o reparto da riqueza. Logo das primeiras sesións, que reflectimos en todo detalle, os encontros chegaron á súa recta final co presenza de Enrique Dans, Domingo Docampo, Gustavo Garrido e María Tesesa Pisano.
Polo que atinxe á intervención do galego Dans, autor dun dos blogs máis seguidos do panorama en liña estatal, dicir que un dos piares do seu relatorio, presentado co título Política e disrupción: unha sociedade diferente, foi o antes e o despois que se crea cada vez que se achega un elemento tecnolóxico útil e mellor que os precedentes. E, tamén, as dificultades que se dan nalgúns sectores á hora de asumir o cambio de forma e o potencial cambio de contido. Ao seu xuízo, “cando alguén ofrece un produto máis intuitivo e con mellores prestacións, a xente acaba por asumilo de xeito irreversíbel; pasou co iPod, coa Wikipedia e coa tableta electrónica: os tres produtos significaron unha disrupción e sufriron ou sofren reaccións na súa contra que polo normal veñen de fóra, nunca do mercado que crean”. Na súa opinión, en política acontece o mesmo: “En vez de asumir a disrupción, continúase enviando a mesma mensaxe pola nova ferramenta”.
A última xornada dos encontros tamén contou coa presenza de Domingo Docampo, catedrático de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo, quen falou da lectura dixital e das súas consecuencias, amais da necesidade que temos de asumir que o importante é a lectura en si mesma, e non o soporte. “Cando a xente se afaga a ler na tableta dixital, rematará por fin a polémica, unha polémica, por outra banda, moi interesada”, comentou. Pola novena edición desta xuntanza tamén pasaron Gustavo Garrido, director da Fundación Carlos Casares e máis María Teresa Pisano, delegada especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. O primeiro dos relatores comezou a súa achega agradecéndolles aos asistentes “o alto nivel amosado nas intervencións dos coloquios cos relatores”, así como aos patrocinadores polo seu apoio nesta xuntanza. Pola súa parte, María Teresa Pisano salientou a calidade do programa e dos conferenciantes convocados, ao tempo que fixo un repaso por todos os temas tratados durante as xornadas, facendo saber que “estamos a ser testemuñas dun cambio importante a nivel global, onde a palabra que máis se escoita é incertidume, por mor das transformacións que xeran oportunidades, pero tamén ameazas”. Ao seu xuízo, estes cambios están a operarse cunha velocidade considerábel, e cun alcance transversal, no contexto dunha crise que nos afecta a todos, circunstancia que, de contarmos novas tecnoloxías coas debidas perspectivas de humanización, podería ir chegando ao seu remate.

PUBLICIDADE