Entréganse os premios ao concurso Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020

venres, 27 de marzo do 2015 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregou hoxe o primeiro e o segundo premio do concurso Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020 aos alumnos do IES Perdouro de Burela e do IES de Cacheiras do Concello de Teo, respectivamente.
Os galardóns foron unha tableta con funda teclado para cada un dos tres alumnos responsables do vídeo máis votado e unha tableta para cada un dos cinco alumnos do segundo vídeo que recibiu máis Gústame en Facebook. En total, 9 dispositivos achegados polas empresas tecnolóxicas Iecisa e Altia.
O vídeo gañador, As cousas de antes do IEX Perdouro de Burela, recolle a conversa entre un neno e a súa avoa sobre como era a vida no pasado para realizar un traballo escolar. A avoa compara a realidade tecnolóxica do ano 2050, no que se ambienta a acción, coa do ano 2014 e mesmo coa de épocas anteriores. A conclusión é que os avances tecnolóxicos melloraron o benestar social.


Revivamos Galicia do IES de Cacheiras do Concello de Teo mostra como a través das tecnoloxías se vive e se goza de Galicia con máis intensidade.


Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas. Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas participaron en grupos dun máximo de 5 persoas, e amosaron a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde visualizan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Os vídeos presentados tamén poden verse na páxina de Facebook da AMTEGA no apartado CurtasADG2020.
Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.

PUBLICIDADE