Entréganse os premios da I edición de Galicia Open Future

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

As startups galegas, Monet Tecnología e Innovación, Situm Technologies e Appentra Solutions alzáronse como gañadoras da I edición de Galicia Open Future, o gran centro de emprendimiento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, que forma parte do programa global de innovación aberta Telefónica Open Future.
Os seus impulsores coñeceron o resultado da valoración do xurado hoxe, durante o acto de entrega de premios que se celebrou na sede de Galicia Open Future no Gaiás, e que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente de Telefónica Open Future, Luis Solana.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tivo palabras de recoñecemento para os responsables dos tres proxectos que resultaron premiados nesta edición; tres programas tecnolóxicos con aplicacións no ámbito da xeolocalización de interiores, no sector vitivinícola, ou no eido da informática e a supercomputación.
Tamén afirmou que a capacidade transformadora da tecnoloxía é un activo que non se pode desaproveitar. “O potencial tecnolóxico de Galicia é unha das ferramentas nas que nos imos apoiar e un dos piares nos que se vai sustentar a economía galega”, aseverou, lembrando que, no ámbito docente, as carreiras TIC contan con máis de 4.000 matriculados no Sistema Universitario Galego; e, como sector, está integrado por máis de 2.000 empresas e máis de 15.200 traballadores.
Feijoo concluíu agradecendo a Telefónica a súa aposta por Galicia, que se converteu na primeira Comunidade en abrir unha convocatoria da Rede Open Future.
Como premio, os tres gañadores recibiron unha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, que lles permitirá continuar co desenvolvemento do seu proxecto. Amais, estas tres startups finalistas poderán acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia doutros 25.000 euros.
O xurado, formado pola Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a aceleradora de startups de Telefónica Wayra, baseou a súa decisión na súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a viabilidade demostrada polos proxectos, ademais da súa composición multi-disciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial.
Os emprendedores recibiron o premio de mans da directora da Axencia Galega de Modernización (AMTEGA), Mar Pereira, do director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera, e do director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela.

Proxectos gañadores


Situm Technologies (Santiago)

Víctor Álvarez, Cristina Gamallo e Adrián Canedo, investigadores do grupo de robótica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago, puxeron en marcha Situm Technologies, unha startup que se dedica ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización e navegación de interiores para smartphones.
Grazas aos servizos de xeoposicionamento, Situm ofrece unha solución para espazos internos baseada na creación de aplicacións para móbiles que permiten o guiado de persoas en grandes superficies, a busca de produtos e tendas en centros comerciais, o estudo do comportamento de clientes en establecementos, promocións personalizadas para cada usuario baseadas nos seus hábitos ou información sobre a posición de empregados en tempo real.

Monet Tecnología e Innovación (Vigo)

Desenvolvida polos enxeñeiros de telecomunicacións Débora Franco, David Rey e José Antonio Gay, Monet Tecnología e Innovación ofrece un sistema de monitorización que permite controlar, en tempo real e a través de calquera dispositivo conectado a Internet, a evolución do viñedo, así como facilitar a información necesaria para a correcta toma de decisións.

Appentra Solutions (A Coruña)

Fundada hai tres anos por Manuel Carlos Arenaz e Mª Rosa Vázquez, Appentra é unha spin-off da Universidade da Coruña que desenvolve software de alta calidade e tecnoloxía avanzada que permite o uso extensivo de técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todos os campos da enxeñaría, a ciencia e a industria.
As súas ferramentas de software HPC simplifican a programación dos sistemas multi-núcleo reducindo a necesidade de coñecementos de programación e aumentado a produtividade e o aforro de custos.

PUBLICIDADE