Esta fin de semana a Radio Galega abordará o tema dos coches conectados e as novidades da CRTVG na Rede

venres, 19 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Xosé María Fernández Pazos conduce o espazo Banda Ancha na Radio Galega

O programa Banda Ancha da Radio Galega, continuando coa súa vocación de divulgación da actividade galega no sector TIC, abordará as novidades tecnolóxicas da semana coa colaboración de Código Cero e contará coa presenza de convidados como Alejandro Lamas (Sixtema) e Esther Medina (CRTVG). O programa emitirase entre as 15:05 e as 16:00 horas
A intervención de Alejandro Lamas no programa chega co gallo do premio recibido pola súa empresa (Sixtema) nun concurso de aplicacións móbiles organizado por PSA Peugeot Citroën para avanzar no eido dos vehículos conectados á Rede. Dende esta empresa compostelá desenvolveron unha aplicación facendo uso do framework Car Easy Apps que converte o automóbil nunha completa estación meteorolóxica.

Esther Medina é a responsable de Novas Canles da CRTVG

Esther Medina, responsable de Novas Canles da CRTVG, encargouse pola súa banda de dar conta lo lanzamento de Vívea.gal e doutras iniciativas que a Radio e a Televisión de Galicia están a emprender na Rede, conseguindo unha maior proximidade coa audiencia e atendendo a unha demanda social de contidos en liña por parte da sociedade galega.
Completará o programa desta semana a actriz Ledicia Sola, a quen última mente podemos ver na serie Pazo de Familia e no filme Os Fenómenos, que compartirá coa audiencia a súa experiencia co mundo tecnolóxico e o uso que fai das plataformas sociais que achega.

Este sábado Esther Medina cometará as novidades da CRTVG na Internet ante os micrófonos da Radio Galega

PUBLICIDADE