Este venres comeza finalmente a cuarta edición de #InLugo

xoves, 15 de decembro do 2016 Redacción

Finalmente este venres comeza a cuarta edición de #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais que organiza o Goberno da Deputación. O evento, que segundo sinala a entidade provincial esgotou as súas 600 prazas totalmente de balde, dará comezo a partir das 16.00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, coa benvida ao público e aos relatores por parte do presidente, Darío Campos Conde, e da alcaldesa, Lara Méndez López. A Deputación promove un ano máis a celebración deste importante evento, referencial a nivel galego e estatal, co obxectivo “de fomentar o uso da Rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual”.
A idea da entidade que preside Darío Campos é converter a Cidade da Muralla no “epicentro das redes sociais e da cultura dixital”. Para isto contarase coa presenza confirmada de preto de 20 destacados expertos e figuras relevantes das novas tecnoloxías, que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. Segundo lembra a Deputación, a expectación que xera este evento “é tal”, que nas primeiras 24 horas trala apertura do prazo de inscricións, “completouse o 70% do aforo”.
Como novidade este ano, ofreceuse a posibilidade de solicitar unha entrada para cada unha das sesións, isto é, para o venres pola tarde, o sábado pola mañá e o sábado pola tarde. Deste xeito, a previsión é que preto de 600 persoas asistan a esta nova edición do congreso, converténdose, en palabras da Deputación, “nun escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia”. O organismo provincial fixo saber este xoves que o congreso vén acadando en cada convocatoria de seu ser trending topic en Twitter, o que supón “unha gran proxección da provincia e do talento lucense”.
Cómpre sinalar que todas aquelas persoas que non teñan a súa entrada e queiran seguir o congreso, estas poderán facelo a través de Internet, pois a Fundaciópn TIC da Deputación emitirao en streaming na web www.deputacionlugo.gal ou www.inlugo.com.
Concurso de fotografía #InLugo16
Amais de incluír relatorios e obradoiros, o programa abranguerá, coma en pasadas edicións, outras actividades de lecer e socialización “que permitan estender as ligazóns entre persoas, alén das dixitais”. É o caso do concurso de fotografía #InLugo16 co que se busca premiar á mellor fotografía da cidade (podendo estar tamén relacionada co congreso) que os asistentes publiquen en Twitter coa etiqueta #InLugo16. O gañador do concurso recibirá un smartphone última xeración.
Programa do venres
A conferencia inaugural terá lugar ás 17.00 horas baixo o título de Instagram, a revolución social fotográfica e nela abordarase o fenómeno de Instagram e dos instagramers da man de Phil González, responsábel de novos medios de AMC Networks para a Península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, pero sobre todo é creador da maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espallamento.
A continuación, ás 17.45 horas, comezará a ponencia Son seguros os alimentos que comemos? Impartida por Miguel Ángel Lurueña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do blog gominolasdepetroleo.com.
Tras unha pausa de media hora, ás 19.00 horas será a quenda de Óscar Fafián (@ofafian), responsábel de Marketing de R Galicia, quen impartirá a conferencia Hogar Digital e Internet das Cousas. Xa as 19.45 horas, celebrarase un obradoiro baixo o título de Novos retos na educación tecnolóxica, impartido por Juan Garcia (@blogoff), formador e director da Escuela Bitácoras. Para finalizar a primeira xornada do congreso, ás 20.00 horas terá lugar a actuación musical de Víctor Grande (@vicgrande).
Cuarta edición dos premios #InLugo16
Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios InLugo. Nados coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con tres categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía.
Preto de 40 candidaturas foron presentadas para optar a estes premios de recoñecido prestixio a nivel galego e estatal. En concreto, 14 inscribíronse na categoría de Comercio, Lecer e Restauración, 16 na de Deportes, Cultura e Acción Social, e 9 na de Tecnoloxía. Logo de finalizar o prazo para participar, un xurado formado por membros da Deputación foi o encargado de valorar as candidaturas e elixir aos finalistas que se darán a coñecer durante a cerimonia de entrega será a partir das 19.30 horas o sábado.

PUBLICIDADE