Estudos galegos de videoxogos amosan a súa experiencia este xoves nunha xornada do CCG

mércores, 4 de marzo do 2015 Redacción

Este xoves 5 de marzo temos unha cita en Santiago co xogo, entendido non só no seu senso máis tradicional senón tamén como piar do que se coñece como sociedade dixital. Falamos da celebración da xornada Xogar coa cultura, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro- Compostela) e que está coordinado pola profesora da Universidade da Coruña, Carmen Costa. A cita quere pór de manifesto a potencialidade dos xogos para a educación, a divulgación ou o desenvolvemento persoal e cultural.
E indo ao programa da xornada, esta collerá corpo arredor das 10.00 horas cun relatorio do profesor da Universidade Pompeu Fabra, Manuel Garin, que afondará no “concepto de xogo na cultura occidental” para logo introducirse en diversos exemplos vinculados ás industrias culturais.
Despois de describir ese marco xeral, o programa estruturase en tres bloques. Arrancará arredor das 11.30 horas (logo dun descanso de media hora) coa mesa Para aprender xogando, que incide na relación positiva que existe entre xogos e aprendizaxe, isto é: o valor do xogo como estratexia de coñecemento. Nela estarán: Eva Balsa, do CSIC, para falar do proxecto Kaleidolabs; Irene Lapuente, de La Mandarina de Newton e Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
Xa na sesión da tarde terá lugar o módulo Xogar cos públicos, que pretende incidir nas relacións públicas lúdicas, desde o punto de vista da boa xestión corporativa. Para iso estarán presentes: a delegada de Inforpres en Galicia, Luísa Rodríguez e o director de Estratexia e creatividade en Best Relations, Diego Rivera.


Pechará a xornada unha mesa que fará un repaso polos videoxogos que se están a facer en Galicia neste intre. A ela acudirán: Silvia López, de Imaxin Software; Xosé Manuel Rey Piñeiro, de Iberian Games; Sergio Prieto, de Gato Salvaxe e Ignacio Lago, de glue.gl.

PUBLICIDADE