Europublic consolida a súa unidade de traballo especializada en comunicación dixital

mércores, 6 de febreiro do 2019 Redacción

Europublic, grupo galego especializado nos ámbitos na mercadotecnia estratéxica, a comunicación e a consultoría avanzada, vén de afianzar a súa unidade especializada en Comunicación Corporativa Dixital, unha fronte de traballo destinada a pór en valor a experiencia e a bagaxe de axencia con sede en Oleiros ao longo dos seus 22 anos de actividade. A fórmula empregada: apostar por formatos nativos dixitais que responden ás actuais formas de consumo da información e á pluralidade de soportes. Entre as estratexias básicas a adoptar pola unidade figura o pulo á interactividade e a integración de elementos audiovisuais.
Segundo informa Europublic, o equipo de Comunicación Corporativa Dixital é especialista no desenvolvemento de memorias, publicacións multicanle e informes anuais e de sustentabilidade, “conforme aos estándares da GRI”. De feito, unha das grandes bazas da unidade é a ampla experiencia do equipo de profesionais que a integra, que ten ás súas costas unha importante bagaxe en consultoría, redacción, deseño, narrativas dixitais, visualización de datos, comunicación audiovisual e programación web. Estes elementos permitiranlle á empresa galega acometer proxectos chave en man, “acompañando ao cliente desde a fase inicial de definición dos parámetros básicos ata a completa posta en marcha do produto”, explican fontes de Europublic.
Integración de recursos e tecnoloxías
Nas memorias e informes dixitais, Europublic achega desenvolvementos tecnolóxicos propios para a integración de infografías interactivas, xerador de gráficas, vídeo, animacións, buscador contextual e centro de descarga de documentos. A empresa galega sinala que esta metodoloxía de traballo responde “ás crecentes esixencias ás que se enfrontan as grandes empresas na relación cos seus grupos de interese, e á tendencia internacional a acometer as memorias e informes anuais como produtos accesíbeis e atractivos, aliñados coas tendencias máis avanzadas en deseño e storytelling”. A unidade de Comunicación Corporativa Dixital de Europublic conta xa coa confianza de destacadas empresas do IBEX 35, pertencentes aos sectores de Industria, o Comercio, as Finanzas e as Telecomunicacións.

PUBLICIDADE