Everis anuncia que contratará 40 novos profesionais na nosa terra

martes, 16 de decembro do 2014 Redacción

A consultora Everis, da que falamos recentemente para informar do seu acordo coa galega Coremain, é unha multinacional con base española especializada en deseño e aplicación de ferramentas tecnolóxicas. Arestora atópase nunha clara fase de espallamento do seu radio de acción, estratexia que se apoia en fortalecer os seus equipos humanos do conxunto do Estado. Incluído o seu equipo galego. De feito, segundo vén de informar a empresa nun comunicado, ten previsto contratar 40 novos profesionais nas súas oficinas de Galicia ao longo do ano 2015. Deles, o 80% serán titulados universitarios menores de 30 anos, de acordo coa aposta da compañía por “fomentar o talento novo e o emprego de calidade”.
Na súa maioría, engaden fontes da empresa española, estes profesionais estarán relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC. Máis polo miúdo, terán formación en carreiras científicas e técnicas, desde Enxeñaría Informática, Telecomunicacións, Industriais, até Ciencias Matemáticas, Físicas, Económicas e persoas cunha formación de posgrao en escolas de negocio. A empresa tamén informou que integrará estes mozos profesionais nas liñas de negocio que se levan a cabo desde A Coruña e Santiago de Compostela, “para desenvolver solucións de valor en Galicia e exportar o coñecemento que se xera na comunidade a nivel global”. E engade, ampliando a información sobre o cometido das novas fichaxes: “Os novos profesionais desenvolverán as súas carreiras profesionais en ámbitos tan dispares como a saúde, as solucións para dispositivos móbiles, o negocio dixital, a xeración de negocio a través do Big Data, ou as solucións na nube”.
Jesús Lage, socio responsábel da oficina de Everis na Coruña, salienta que a aposta da empresa é unha “aposta polo medre en Galicia da compañía”, arestora mergullada en grandes proxectos para algunhas das principais empresas da comunidade e tamén para as Administracións. “A nosa aposta por Galicia”, explica a maiores, “baséase tamén en lanzar iniciativas que afectan a toda a compañía desde aquí, para exportar o noso coñecemento a nivel global”. Entre estas últimas iniciativas de negocio, Lage destaca o ehCOS Innovation Centre Galicia, o Centro de Excelencia en eSaúde, no que se enmarca a achega de Everis a prol da unidade mixta de innovación recente constituída co centro tecnolóxico Gradiant, “pensado para dar soporte desde a nosa comunidade á actividade global de Everis”.

PUBLICIDADE