Everis facturou 691 millóns de euros, un 14% máis

martes, 7 de xullo do 2015 Redacción


A consultora tecnolóxica española Everis vén de presentar os seus números relativos a 2014. No informe salienta ante todo unha facturación de 691 millóns de euros (un 14% máis que o ano anterior) e máis un medre no mercado español de arredor do 10%, o que achega unha cifra de398 millóns de euros. O encargado de fornecer estes logros foi o director executivo (CEO) de Everis, Benito Vázquez, quen engadiu que a consultora prevé manter o seu ritmo de crecemento de dous díxitos durante o presente exercicio, e medrar en 1.800 profesionais. Lembrar que se trata do primeiro reconto logo da incorporación de Everis no grupo multinacional NTT DATA.
Everis tamén lembrou que a día de hoxe ten presenza en 5 países de Europa (Bélxica, España, Italia, Portugal e Reino Unido) e 7 de América (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Perú e Estados Unidos). O devandito grupo multinacional ao que pertence agora é a sexta compañía de servizos IT do mundo, con máis de 75.000 profesionais e presenza en todas as xeografías.
Con todo e malia este proceso de espallamento, sinalou Benito Vázquez, España continúa sendo o mercado principal de Everis, coa devandita facturación 398 millóns de euros e un crecemento en torno ao 10%. O director executivo tamén recordou que a firma conta arestora con máis de 13.000 profesionais e agarda medrar ao redor de 1.800 persoas ao longo de todo o exercicio. De todas elas, a maioría serán mozos recentemente titulados universitarios, especialmente en enxeñarías, “en liña coa vocación de Everis por potenciar o talento novo”, explicou o CEO da firma, que engadiu que “a filosofía da compañía baséase en atraer o mellor talento e mantelo fiel, proporcionándolle as mellores oportunidades na súa carreira profesional, o que nos permite pór a disposición dos clientes as solucións máis innovadoras”.
Con respecto aos resultados en Europa, Reino Unido e Bélxica foron os mercados onde máis medrou Everis ao dobrar a súa facturación. Así, Reino Unido duplicou os seus ingresos, pasando de 6 millóns a 13 millóns de euros e Bélxica de 16 millóns a 32 millóns de euros. Os mercados italiano e portugués, pola súa banda, tamén rexistraron datos superiores ao exercicio anterior. O primeiro incrementou un 17% a súa facturación (chegando aos 34 millóns de euros), mentres o segundo incrementouse nun 18% (alcanzando os 17 millóns de euros).
En canto a América, o negocio creceu un 11% despois de lograr unha facturación de 197 millóns de euros.

PUBLICIDADE