Everis impulsa unha ferramenta TIC que permitirá previr a obesidade na nenez

venres, 5 de febreiro do 2016 Redacción

A Universitat de València (UV) e a firma tecnolóxica Everis (da que falamos recentemente para dar conta da apertura na nosa terra do centro eJKC, posto en marcha co centro tecnolóxico galego Gradiant para impulsar tecnoloxías de eSaúde e envellecemento activo) veñen de impulsar un proxecto para a posta en marcha dunha ferramenta TIC destinada a previr a obesidade infantil, un problema crecente na sociedade na que vivimos e que cómpre atallar co fin de evitarlles aos nenos múltiples problemas futuros de saúde. O proxecto (MEAL) foi presentado os días pasados na Facultat de Psicologia da UV. Contou con 500.000 euros procedentes da Comisión Europea, e nel participou a UV como experta en desordes psicolóxicas e tratamentos da obesidade infantil.
MEAL fornece unha ferramenta TIC que achega formación para profesores, estudantes e profesionais da nutrición, permitíndolles adestrar aos nenos en materia de educación nutricional básica e en condutas alimentarias saudábeis.
Para facernos unha cifra da envergadura do problema que se pretende atallar con MEAL, lembrar que a Comisión para o Fin da Obesidade Infantil da Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que a día de hoxe máis de 42 millóns de nenos menores de cinco anos son obesos. A cifra aumentará a 70 millóns con 2025.
MEAL ofrece unha plataforma web para facilitar o ensino da nutrición nos centros educativos. Baséase nunha metodoloxía formativa que permite aprender coñecementos nutricionais e adestrar á rapazada en habilidades a través de xogos educativos para dar forma a menús saudábeis. A ferramenta está deseñada para nenos de entre 9 e 12 anos, e posibilita que os menores continúen practicando nas súas casas.
O proxecto MEAL (Modifying Eating Attitudes and Actions through Learning) contou, tamén, coa actividade e experiencia de tres socios europeos (amais de Everis e a Universidade). Nos ensaios precisos para o seu desenvolvemento participaron 147 alumnos de catro centros. Segundo reflicte Everis, os docentes dos catro países participantes na iniciativa coinciden en asegurar que a plataforma “facilita a transferencia do coñecemento nutricional aos nenos, e ademais resulta útil, rápida, segura e cómoda de empregar”.

PUBLICIDADE