FACUA advirte de que Movistar está a rexeitar as solicitudes de baixa de Canal+

venres, 28 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A absorción de Canal+ por parte de Telefónica está a resultar máis problemática do agardado, e tras o culebrón sobre o fútbol durante o verán chega agora unha advertencia de FACUA-Consumidores en Acción dando conta de que Movistar non está a atender aos seus clientes, rexeitando as solicitudes de baixa dos clientes de Canal+.
FACUA asegura ter detectado casos de clientes que inicialmente tiñan contratado Canal+ que atoparon atrancos para solicitar a súa baixa tanto a través de Canal+ como de Movistar. Por unha banda, Canal+ emprega un número 902 para as solicitudes de baixa, o que supón un grave prexuízo económico para os consumidores, especialmente la eternización das chamadas; e por outra, ao chamar para recibir atención a través do número 1004 para non ter que pagar os sobrecustos dun 902 remítese aos clientes ao número de tarificación adicional baixo o argumento de que se trata de diferentes compañías (argumento que FACUA considera falso).
Para continuar complicando a situación, algúns operadores do 1004 indicarían aos usuarios que poden cancelar o contrato con Canal+ se antes pasan a ser clientes de Movistar, para o que deberían contratar unha liña de telefonía fixa con eles, ou sexa, que para cancelar un contrato piden a subscrición de outro.
A recomendación de FACUA ante a actual situación é remitir unha notificación por escrito, preferiblemente por correo certificado, ao enderezo de correos que figura na última factura de Canal+ recibida. Transcorridas 48 horas dende a recepción da carta o usuario queda libre do contrato e pode, por tal, proceder a devolver o descodificador de televisión e devolver as facturas que cheguen con cargos posteriores a tal data. No caso de que o descodificador fose entregado a domicilio, pode indicarse na carta remitida que a compañía pode recoller o dispositivo cando o estime oportuno.
FACUA advirte de que Canal+ non estaría a respectar a lexislación de consumo actual, que esixe que un usuario poida darse de baixa a través do mesmo medio polo que se deu de alta, o que no caso da páxina web da compañía resulta imposible, xa que non está operativo (ao igual que tamén acontece co seu correo electrónico e servizo de chat).

PUBLICIDADE