FINSA convértese en referente do Big Data da man do CiTIUS e o CESGA

martes, 10 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa FINSA quere ser unha empresa 4.0. Se os días pasados falamos da súa arela para acadar unha tecnoloxía que permita a xestión dos elementos de sensórica de taboleiros e outros produtos de madeira instalados no fogar (reto que foi asumido plenamente pola firma Conexiona coa plataforma IoT iPlace), hoxe retomamos o fío da renovación da empresa compostelá e damos conta dun novo proxecto no que, amais de FINSA, están implicados dous referentes do eido tecnolóxico-dixital: o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) e mailo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Trátase dunha iniciativa de transferencia financiado pola compañía madeireira para extraer claves e pautas dos datos xerados en planta.
Este proxecto de análise e xestión da información a gran escala (Big Data) ten a súa orixe en 2017, cun acordo asinado entre Financeira Madeireira, S.A., por unha banda, e o CiTIUS e o CESGA pola outra. Con esta alianza púxose o foco na planta OREMBER, situada en Ourense, a xeito de escenario de probas. O reto exposto pola compañía consistía en obter unha solución tecnolóxica a medida que puidese mellorar a calidade dos seus produtos aproveitando a inxente cantidade de datos xerados durante a fabricación dos taboleiros de Fibra de Densidade Media (MDF, polas súas siglas en inglés), utilizados na construción de mobiliario moderno.
Este desafío permitiu que un equipo dirixido polos investigadores David Mera (CiTIUS) e Andrés Gómez (CESGA) abordase o problema durante os últimos meses para dar cumprimento ás demandas da madeireira. En primeiro lugar fíxose un estudo das interaccións entre os distintos elementos da liña de produción para, logo, dar forma a un sistema baseado en técnicas de Intelixencia Artificial que permitise xerar un “xemelgo dixital baseado na análise dos datos”, en palabras dos investigadores, que, coa axuda de complexos algoritmos, foi collendo forma até dar como resultado “un eficiente sistema de Aprendizaxe-Máquina con capacidade para extraer coñecemento a partir da información fornecida pola planta”. O resultado: unha ferramenta tecnolóxica que xa demostrou a súa efectividade na toma de decisións en fábrica.
Os resultados do proxecto “superaron amplamente as expectativas”, en palabras dos investigadores.

PUBLICIDADE